Política Lingüística renova dez lectorados da rede de centros de estudos galegos da Xunta

Hoxe tivo lugar na Egap a fase final de entrevistas para as universidades de Barcelona, Cork, Deusto, Heidelberg e Miño

A vindeira semana será a quenda das persoas candidatas ás do Algarve, Estremadura, Granada, Complutense de Madrid e Padua

O novo profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas incorporarase aos centros universitarios dependentes da consellería para o curso académico 2017-2018

Mar, 18/07/2017 - 14:58
Política Lingüística renova dez lectorados da rede de centros de estudos galegos da Xunta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou hoxe a fase final de entrevistas persoais ás persoas candidatas que concorren ás 10 prazas convocadas para a renovación de 10 dos 27 lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades de fóra de Galicia. Hoxe tivo lugar na Egap a selección para as universidades de Barcelona, Cork (Irlanda), Deusto, Heidelberg (Alemaña) e Miño (Portugal), que se completará o vindeiro xoves 27 de xullo coas do Algarve (Portugal), Estremadura, Granada, Complutense de Madrid e Padua (Italia).

Á selección de hoxe presentáronse un total de 21 persoas candidatas, que tiveron que defender, ante a comisión de valoración creada para o efecto, a súa proposta didáctica de aplicación nos lectorados de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación destas dúas convocatorias que se poden consultar no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal). Á reunión previa de coordinación presidiuna o titular deste departamento, Valentín García.

Perfil dos/as aspirantes

Quen concorren a estas prazas están en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica (sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego), grao en Lingua e Literatura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, ás prazas localizadas en Irlanda, Alemaña e Italia poden presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e interpretación sempre que dispoña de 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén aqueles/as titulados/as universitarios/as en Tradución e Interpretación que acrediten 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

Proxección exterior do galego

A posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en Universidades de América e de Europa é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia.

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades. 27 delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

Así, por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os centros de estudos galegos en funcionamento localízanse en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A súa creación responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Menús News node R