Máis de 80 centros ampliarán por primeira vez o plurilingüismo a Infantil e catro introducirán Pluribach

Dentro do desenvolvemento de EDUlingüe 2020, Román Rodríguez avanza os datos provisionais de centros plurilingües para o vindeiro curso, no que se alcanzarán os 311

Tamén se prevén 211 seccións bilingües máis, chegando ata as 4125

O conselleiro de Educación visita o Centro Residencial Docente da Coruña, onde 120 alumnos de 3º de ESO melloran a súa competencia en inglés a través de estadías de dúas semanas con profesorado nativo

Lun, 17/07/2017 - 13:24
Máis de 80 centros ampliarán por primeira vez o plurilingüismo a Infantil e catro introducirán Pluribach

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou esta mañá os datos provisionais de novos centros plurilingües para o vindeiro curso 2017/18 con motivo dunha visita a unha estadía de inmersión lingüística en inglés en Culleredo. Deste xeito, e no marco do desenvolvemento da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, o conselleiro destacou a boa acollida que tiveron, por parte dos centros, dúas das principais novidades do novo plan: a extensión do plurilingüismo a Educación Infantil (Plurinfantil) e a Bacharelato (Pluribach).

En concreto, un total de 81 centros terán por primeira vez o próximo curso plurilingüismo en Infantil: 33 na provincia de Pontevedra, 26 na Coruña, 14 en Ourense e oito en Lugo. No caso de Pluribach, serán catro os que, tamén por primeira vez, amplíen este modelo a Bacharelato. Trátanse do IES Campo de San Alberto de Noia, do CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense, do CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense e do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Neste contexto, o conselleiro quixo agradecer a implicación destes centros, tendo en conta que se trata do primeiro curso de implantación e, a maiores, dunha etapa complexa que require dun nivel alto de idioma por parte do profesorado.

Incremento exponencial nos últimos anos

En termos xerais, a Rede de centros plurilingües estenderase a 29 novos o curso que vén, sumando así un total de 311, un 10,3% máis que no 2016/17. Isto significa, a maiores, multiplicar por máis de 5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.

En canto ás sección bilingües, aumentan en 211 ata chegar ás 4125, un 5% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 100 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 30 o fan por primeira vez. Si se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, o novo dato supón multiplicar por case seis este número.

Os datos concretos da resolución provisional poden consultarse na páxina web da Consellería.

Así mesmo, dentro do programa CUALE, de Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras, un total de 1200 alumnos recibirán formación fóra do horario escolar en centros que voluntariamente colaboran, co fin de preparar a certificación en Escolas Oficiais de Idiomas.

Implantación positiva de EDUlingüe

Román Rodríguez subliñou que estes datos, aínda que provisionais, “nos indican que acertamos á hora de darlle un novo impulso á aprendizaxe das linguas estranxeiras a través de EDUlingüe 2020”. Cómpre lembrar que, entre os obxectivos da estratexia a 2020 está alcanzar os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.

Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2.

Inmersión en inglés durante o verán

O conselleiro avanzou estes novos datos durante a súa visita ao Centro residencial docente da Coruña, situado en Culleredo, onde 120 alumnos de 3º de ESO comezaron, onte mesmo, a súa estadía de inmersión lingüística en inglés. Ao longo de dúas semanas, os mozos e mozas poderán mellorar a súa competencia en lingua inglesa con profesorado nativo e a través de diferentes actividades, como competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas.

Ademais de Culleredo, tamén se desenvolven estadías no centro residencial docente de Vigo, así como en Os Peares. Neste momento, na cidade viguesa están congregados os alumnos de 4º de ESO, mentres que os de bacharelato remataron a súa estadía en Os Peares a principios deste mes. En total, son preto de 700 os alumnos beneficiados destes campamentos lingüísticos durante o período non lectivo.