Bocaberta 2010-2011 leva realizadas 600 actividades por toda Galicia para promover o uso do galego entre os máis novos

O programa da Secretaría xeral de Política Lingüística, que botou a andar o pasado mes de outubro, está dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 a 18 anos

Dom, 10/04/2011 - 11:50

Un total de 600 actividades realizadas por toda Galicia para favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas. Este é o balance actual de Bocaberta 2010-2011, o programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

Azou, Detrás da canción, En clave de conto, Ti creas a historia, Galimatías, Señor Mundo, dígame?, Canta música!, Atrapado na torre, Abrapalabra, Contos de maxia, Palabras no ar, A guerra das bruxas, Vive os contos e Ola, ola, la! son as actividades que conforman Bocaberta. A natureza destas actividades responde aos intereses dos nenos e dos mozos e cobre un amplo abano de tipoloxías. As dirixidas aos adolescentes están relacionadas coa música pop, coa literatura fantástica, coas tecnoloxías da información e da comunicación ou coa banda deseñada. Para os máis pequenos, o programa Bocaberta ten música, teatro, monicreques e maxia.

A presente edición de Bocaberta, que de outubro de 2010 a maio de 2011 achegará 747 actividades aos 315 concellos de Galicia, presenta como novidade a aposta por abrir as súas actividades aos espazos e tempos de ocio dos máis novos, fundamentalmente para as fins de semana, e realizalas fóra dos centros educativos, o cal supón crear novas estratexias para lograr unha maior implicación do público potencial.

Un percorrido por todos os concellos de Galicia

Así mesmo, Bocaberta 2010-2011 busca estender as súas actividades a todos os concellos de Galicia e, así, ao maior número de persoas e aos tres tipos de ámbitos –urbano, vilego e rural– que aglutinan a poboación da nosa comunidade. Para iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística asenta o programa na colaboración con axentes e entidades profesionais que deseñan e executan as actividades. Nesta edición o programa Bocaberta foi desenvolvido coas empresas Eme2, UTE Azou, Galaxia, Oqo editora, Pablo Díaz, Anxo Fariña, El Patito Editorial, Everest, Xerais, Kalandraka, Tambre, Ir Indo, Rodeira e Reverso Servizos Lingüísticos. Ademais disto, contouse tamén co apoio dos axentes dinamizadores do ámbito local, nomeadamente persoal técnico de dinamización lingüística dos concellos.

Favorecer o uso do galego entre os máis novos

Os obxectivos de Bocaberta, emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, son crear espazos de uso do galego ligados ao lecer e aos intereses dos nenos e dos mozos, reforzar o uso do galego entre os galegofalantes, proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona, e desenvolver materiais que favorezan o uso da lingua e a sensibilización sobre a utilidade e o valor do galego.

Menús News node R

Colectivo

Tema