O Premio Abrente de Textos Teatrais imprímelle un novo impulso á creación dramática en galego

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe en Ribadavia na presentación da sexta edición do certame, onde destacou o compromiso do premio coa cultura e a lingua galegas

Sáb, 09/04/2011 - 13:30

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación do VI Premio Abrente de Textos Teatrais, que tivo lugar esta mañá no Centro Comarcal do Ribeiro, no concello ourensán de Ribadavia.

Durante o acto, o secretario xeral incidiu no labor de promoción da nova creación dramática en galego que está a impulsar a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) a través deste certame. “A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere sumarse unha vez máis á promoción da lingua galega no ámbito teatral colaborando con iniciativas, como este premio, xurdidas da man dos profesionais e das entidades do sector e ao abeiro das cales se veñen desenvolvendo importantes traballos que contribúen, ano tras ano, á permanencia, á transmisión e á proxección social do galego”, afirmou o secretario xeral, que estivo acompañado no acto polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco; o concelleiro de Cultura e Educación de Ribadavia, Anxo Collarte; o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; e mais o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo.

Compromiso coa cultura e a lingua galegas

O responsable de Política Lingüística definiu a MIT e mais o Premio Abrente como “dúas realidades que fan de Ribadavia a capital do teatro galego e incidiu no labor constante e comprometido destas iniciativas coa cultura e a lingua galegas”.

A presentación do VI Premio Abrente de Textos Teatrais constitúe o primeiro acto oficial da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que terá lugar entre o 15 e o 23 de xullo. No acto de hoxe tamén se presentou a obra gañadora da edición de 2010, Aquelas cousas do verán, da autoría de Manuel Lourenzo.

A colección Abrente

O Premio Abrente, que conta co apoio institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Ribadavia, está dotado cunha contía económica de 3.000 euros para o autor ou autora da obra gañadora e mais unha estatuíña realizada polo artista Manuel Rodríguez Alonso.

A colección Abrente de teatro, da editorial ourensá Difusora, foi quen de espertar o interese de destacadas compañías para levar a cabo a escenificación dos textos publicados, como é o caso de Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro, o primeiro número da serie, que está a percorrer os escenarios de Galicia coa compañía Teatro do Atlántico.