Educación licita por preto de 668.000 € a rehabilitación integral do CEIP Lagostelle, en Guitiriz

Xov, 06/07/2017 - 10:04

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar as obras de rehabilitación integral do CEIP Lagostelle, en Guitiriz (Lugo), por un importe de preto de 668.000 euros cofinanciados con fondos FEDER, tal como publica hoxe o DOG, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170706/AnuncioG0164-030717-0001_gl.html

Os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) desde centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento.

A actuación afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento da fachada exterior, a substitución de ventás das aulas e da fachada exterior da biblioteca por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética tanto nas aulas coma na biblioteca. Nestes mesmos espazos se substituirán os falsos teitos existentes e repararán e pintarán os paramentos interiores. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual en torno ao 23,5 por cento.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

Outra actuación deste tipo na provincia tamén se executará no CPI Virxe do Monte, en Cospeito, cuxa obra foi licitada a semana pasada. Estas dúas obras de rehabilitación enerxética e funcional súmanse ás executadas xa o ano pasado no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, obras que supuxeron un investimento global de 956.000 euros.

Todas elas enmárcanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.