Educación e Repsol convocan o Premio de Narrativa Breve 2017

O conselleiro e o vicepresidente da Fundación Repsol asinaron hoxe un novo acordo de colaboración no que se enmarca a décimo primeira edición do certame

Mér, 05/07/2017 - 14:07

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e a Fundación Repsol renovan un ano máis o seu acordo de colaboración para convocar o Premio de Narrativa Breve 2017. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e mailo vicepresidente da Fundación Repsol, Ignacio Egea Krauel, asinaron hoxe o convenio para a décimo primeira edición deste certame que ten como principal obxectivo a dinamización lingüística a través da creación literaria no idioma galego.

Ao abeiro de dito convenio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestaralle asesoramento técnico á Fundación Repsol na posta en marcha desta acción, ademais de apoio e difusión institucional ao certame. Pola súa banda, a Fundación Repsol asume a dotación económica do premio (12.000 euros) e comprométese a organizar, xestionar e executar todas as actividades relacionadas co certame

O prazo remata o 24

A este premio poderán concorrer todos os autores que o desexen, excepto o gañador da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega conforme a normativa establecida pola Real Academia Galega. As novelas deberán presentarse diante da Fundación Repsol antes do próximo 24 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia.

Nas edicións anteriores, fixéronse con el, en 2006, o xornalista Miguel Sande, pola obra “Se algún día esta muller”; en 2007, a escritora Anxos Sumai, por “Así nacen as baleas”;  en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro, por “A verdade como mal menor; en 2010, o escritor Xurxo Sierra, pola obra “Os Fíos”; en 2011, Fernando Díaz-Castroverde Gómez, pola obra de microrrelatos “Microbios e outros paquidermos”; en 2012,  María López Sández, por “A forma das nubes”; en 2013, Berta Dávila, por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; en 2014, Santiago Lopo, por “A diagonal dos tolos”; en 2015, Marcos S. Calveiro, por “Fontán”; e en 2016 Daniel Asorey Vidal pola súa novela ‘Nordeste’.

Promover o galego desde o sector empresarial

Con este acordo a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa dinamización do galego nos diferentes ámbitos e polo desenvolvemento das medidas precisas para garantir o seu uso social, a través da posta en marcha de accións conxuntas con outras entidades.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca así fomentar o uso da lingua galega promovendo e apoiando a súa incorporación desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

Dende o pasado ano a Xunta de Galicia conta cun instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. Este plan, ao que a Consellería de Cultura e Educación lle dedicará máis de 5 millóns de euros, desenvolve por primeira vez desde a Administración autonómica as directrices para este sector establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega .

O documento, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, foi acordado e completado coas achegas de 314 axentes implicados no sector económico, ademais do Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

Menús News node R