Román Rodríguez destaca as oportunidades formativas do novo ciclo de vitivinicultura en Cambados
O conselleiro de Educación clausurou esta tarde o VII Foro do Albariño, organizado pola Asociación de Adegas do Salnés e Adegas Terra de Asorei
O titular do departamento educativo pon en valor a Formación Profesional como vía para atopar emprego e mellorar a competitividade do sector produtivo local
Ven, 30/06/2017 - 21:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou esta tarde as oportunidades que ofrece, tanto para o alumnado como para o tecido socio-produtivo local, o novo ciclo de grao superior de Vitivinicultura, que o vindeiro curso 2017/18 comezará a ofertarse no IES Ramón Cabanillas de Cambados.

Con motivo da clausura do VII Foro do Albariño –organizado pola Asociación de Adegas do Salnés e Adegas Terra de Asorei–, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que a posta en marcha deste ciclo no instituto cambadés é unha novidade dentro da oferta de Formación Profesional para o curso que vén, conformada por máis de 29.500 prazas en primeiro ciclo. En concreto, o ciclo superior de Vitivinicultura, cuxa matrícula está aberta ata o próximo día 4, oferta un total de 22 prazas.

En palabras do conselleiro, “estamos ante unha moi boa nova para Cambados, tanto para o seu alumnado como para os profesionais da zona”, posto que, tal e como sinalou, vincular a FP co tecido empresarial significa “máis inserción laboral para a nosa mocidade e máis competitividade para as nosas empresas”.

O IES Ramón Cabanillas, referente na formación vitivinícola

Neste ámbito profesional en particular, a formación constitúe “unha potencialidade para o sector do viño galego no século XXI”, remarcou Román Rodríguez. De feito –continuou–, “o IES Ramón Cabanillas é un centro referente neste campo”, que se suma ao CIFP A Granxa de Ponteareas e ao IES O Ribeiro de Ribadavia, os tres buques insignia da formación vitivinícola en Galicia.

Pero a maiores dos coñecementos que adquire o alumnado nos propios centros, o conselleiro tamén recordou o importante papel que xogan as entidades colaboradoras, tales como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) –dependente da Consellería do Medio Rural– á hora de formar de xeito práctico aos mozos e mozas destes ciclos.

Ademais, esta colaboración tamén favorece ao propio sector empresarial, dado que hoxe, os centros de FP non só son espazos de formación, senón tamén auténticas “estruturas fornecedoras de traballos de investigación e innovación, así como de avances tecnolóxicos precisos no tecido produtivo”, recalcou.

Proxecto europeo con representación galega

Por outra banda, e sen saír do eido da enoloxía, tamén lembrou que a Consellería de Educación representa a Galicia nun proxecto a nivel europeo no que participan os países máis importantes na produción de viño. Neste programa estase abordando a posibilidade de, entre todos os territorios implicados, unificar criterios para deseñar unha certificación ou carné profesional de podador de viña con validez en Europa.

Trátase, en definitiva, “de poñer os recursos educativos ao servizo das necesidades da sociedade”, tendo en conta que “onde Galicia atope unha potencialidade, aí estará a FP para desenvolvela”, concluíu o conselleiro.