Román Rodríguez gaba o traballo das irmás Abelleira, “unha referencia na educación infantil”
O conselleiro de Educación presidiu a presentación do libro das dúas mestras, inspirado nun blog conxunto onde recollen experiencias da súa traxectoria
A editorial Galaxia, co apoio da Xunta, publica agora esta obra en galego
Mar, 27/06/2017 - 13:13

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou hoxe o traballo de Ángeles e Isabel Abelleira, dúas irmás mestras que veñen de publicar o libro Os Fíos de Infantil. InnovArte Educación Infantil. O volume recolle un conxunto de experiencias con nenos e nenas de segundo ciclo de Educación Infantil e bebe de parte das historias que, desde o ano 2010, levan nutrindo o seu blog conxunto.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que hoxe en día, o seu blog “é unha referencia para o mundo da educación infantil, porque ten unha intención formativa e, ademais, recolle as reflexións e experiencias educativas de Ángeles e Isabel”. Cómpre destacar que esta bitácora acadou en 2012 o premio nacional Francisco Giner de los Ríos a la Mejora Educativa que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Froito deste traballo de recompilación previo naceu o libro, que o ano pasado foi recoñecido co prestixioso premio Marta Mata, entregado pola Asociación de Maestros Rosa Sensat de Cataluña por iniciativas e traxectorias que melloran o labor pedagóxico en España. Agora, a editorial Galaxia, co apoio da Xunta de Galicia, publica esta obra en galego que, en palabras do conselleiro, funcionará tamén a modo de guía para moitos mestres e mestras de educación infantil.

Ao acto de presentación do libro tamén as propias autoras, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez.