Educación pon en marcha por primeira vez ciclos de dobre titulación en FP Dual

A Consellería pon a disposición máis de 29.500 prazas nas diferentes modalidades de ciclos formativos

En concreto, a FP Dual incrementa nun 31,6% as súas prazas, coa posta en marcha de 29 novos proxectos

Póñense en marcha por primeira vez catro ciclos, nomeadamente o de Redes e estacións de tratamento de augas; na modalidade dual, o de Promoción de igualdade de xénero e os de FP básica de Mantemento de vivendas e de Actividades domésticas e limpeza de edificios

Mér, 21/06/2017 - 11:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá nas próximas horas a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/fp/ o borrador da oferta de ciclos formativos para o curso 2017/18, a través do que se ofrecen 29.591 prazas en primeiro curso en centros públicos (un incremento de aproximadamente o 0,23%), en 1182 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 21.514 forman parte do réxime ordinario –8774 en grao medio, 9040 en grao superior e 3700 en FP Básica-, mentres que outras 4415 son do réxime modular para persoas adultas –2242 en grao medio e 2173 en grao superior-, 2200 do réxime modular a distancia –850 en grao medio e 1350 en grao superior-,  842 en FP Dual –257 en grao medio e 585 en grao superior-, e outras 620 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.

Esta oferta avanza na implantación dos ciclos adaptados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e ás necesidades do sistema produtivo galego, ao tempo que se axusta á demanda analizada de anos anteriores e á do mercado laboral, unha das claves para a empregabilidade dos titulados na FP galega. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Aposta pola FP Dual

A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual, que incrementa nun 31,6% as súas prazas. Deste xeito no curso 2017/18 arrincarán 29 ciclos de FP Dual; 3 destes ciclos ofértanse – por primeira vez- como titulación dobre en ciclo superior en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración. Ofertaranse no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e no IES de Foz (Lugo) coa empresa Arlea Hotels; de forma que o alumnado poderá obter estes dous títulos en tres cursos académicos en lugar dos catro habituais. Así mesmo, cómpre sinalar que se oferta por primeira vez en Galicia –e case de oferta única en España, xa que só se imparte en Cataluña- o ciclo de grao superior de Redes e estacións de tratamento de augas (CIFP Politécnico de Santiago, con VIAQUA).

Ademais deste e das dobres titulacións, son novidosos outros 12 dos proxectos que se poñen en marcha este curso. Deste xeito, no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) ofértase o ciclo de grao medio en Panadería, repostaría e confeitaría que se complementa con oferta parcial do ciclo de Servizos en restauración coa empresa Panadería Da Cunha. Así mesmo, serán novos en grao medio Confección e moda (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña, con Inditex), Cociña e gastronomía (IES Sanxillao, Lugo, coa empresa Oca Hotels), Aproveitamento e conservación do medio natural (IES San Rosendo, Mondoñedo, con 12 empresas e a Asociación Provincial de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo), Electromecánica de maquinaria (CIFP Porta da Auga, Ribadeo, con 7 empresas), e Soldadura e caldeiraría (IES de Valga, con 9 empresas diferentes).

En grao superior, tamén na modalidade dual, serán novos o ciclo de Química industrial (IES A Sardiñeira, con Hijos de Rivera), Mecatrónica industrial (IES Universidade Laboral de Culleredo, Hijos de Rivera), Xestión de vendas e espazos comerciais (IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela, con Leroy Merlín), Estética integral e benestar (IES Muralla Romana, Lugo, con Oca Hotels), Xestión de aloxamento turísticos (IES de Vilamarín, con Arlea Hotels), e o ciclo de Mecatrónica industrial (IES Fermín Bouza Brey, Vilagarcía de Arousa, con 8 empresas do sector de conservas de produtos do mar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Productos de la Pesca -ANFACO-CECOPESCA-).

Reedición de ciclos de dual

No referido ás reedicións (proxectos de FP Dual xa desenvolvidos en anos anteriores, que ofertan de novo prazas en primeiro curso), serano en grao medio o ciclo de Carrozaría (IES Universidade Laboral, Ourense, con UNVI) e o de Confección e moda (CIFP Manuel Antonio, Vigo, Sociedad Textil Lonia). En grao superior reeditaranse os ciclos de Xestión de aloxamentos turísticos (CIFP Compostela, con Arlea Hotels), Mecatrónica Industrial (CIFP Ferrolterra, con Navantia), Dirección de servizos de restauración (CIFP Paseo das Pontes, con Paradores), Sistemas electrotécnicos e automatizados (CIFP Politécnico de Santiago, con Arlea Hotels), Mecatrónica Industrial (CIFP Politécnico de Santiago, con FINSA FORESA), Estética integral e benestar (CIFP Someso, A Coruña, con Arlea Hotels), Química industrial (IES A Sardiñeira, A Coruña, con Repsol), Desenvolvemento de aplicacións web (IES Val do Asma, Chantada, con Roomleader e IGM WEB), Administración e finanzas (IES Val do Asma, Chantada, con Citadel), Axencias de viaxes e xestión de eventos (IES Val do Asma, Chantada, con Hotusa Hotel e Restel), e Xestión de aloxamentos turísticos (CIFP Carlos Oroza, Pontevedra, con Arlea Hotels).

Catro de nova creación

Ademais da FP Dual, a principal novidade para o curso que vén é a oferta de catro ciclos de nova creación, nomeadamente os de FP Básica de Mantemento de vivendas (IES Chan do Monte, Marín) e de Actividades domésticas e limpeza de edificios (IES Primeiro de Marzo, Baiona), o de grao superior en réxime ordinario de Promoción de igualdade de xénero (CIFP A Xunqueira, Pontevedra) e o devandito de FP Dual de Redes e estacións de tratamento de augas (CIFP Politécnico de Santiago).

Ademais, implantaranse como novidade nos respectivos centros os ciclos de FP Básica de Servizos comerciais (IES A Pontepedriña, Santiago de Compostela), de Agroxardinaría e composicións florais (IES de Mugardos), de Cociña e restauración (IES de Sabón) e de Electricidade e electrónica (IES de Sabón). No caso dos ciclos de grao medio en réxime ordinario serán novos no seu centro o de Atención a persoas en situación de dependencia (IES Lois Peña Novo, Vilalba) e o de Xardinaría e floraría (IES Plurilingüe San Rosendo, Mondoñedo); mentres que de grao superior  serano o de Deseño e amoblamento (CIFP Politécnico de Santiago e CIFP A Xunqueira), o de Sistemas de telecomunicacións e informáticos (IES Escolas Proval, Nigrán) e o de Educación infantil (IES Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos).

No réxime modular para adultos, en modalidade presencial, o IES de Vilamarín ofertará o ciclo de grao superior de Xestión de aloxamentos turísticos, mentres que o CIFP Manuel Antonio (Vigo) fará o propio co de grao superior de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico. Por último, o CEE Nosa señora do Rosario (A Coruña) incorporará á súa oferta o programa formativo básico de Limpeza de edificios.

Modificacións

Como é habitual, a oferta de FP fluctúa para adaptarse á demanda do alumnado e ás necesidades do tecido produtivo de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios dun ciclo por outro ou dun réxime a outro en diferentes centros.

Así o IES de Monterroso e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel deixan de ofertar o ciclo de FP Básica de Informática e comunicacións e múdano polo de Informática de oficina, mentres que no IES de Vilamarín desaparece a FP básica de Agroxardinaría e composicións florais (que pasa a impartirse no IES Universidade Laboral de Ourense) e incorpórase á oferta o de Aloxamento e lavandaría, máis acaído á natureza deste centro educativo. Así mesmo, o ciclo de FP Básica de Fabricación e montaxe trasládase do IES 12 de outubro ao IES Julio Prieto Nespereira, ambos na cidade de Ourense. Nesta mesma modalidade, o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña) deixará de impartir Fabricación e montaxe e Electricidade e electrónica (este último tamén deixa de ofertarse no IES Primeiro de Marzo de Baiona) para incorporar o ciclo de FP Básica de Instalación electrotécnicas e mecánica.

No caso dos ciclos de grao medio e superior en réxime ordinario os principais cambios prodúcense no IES Monte da Vila (O Grove), onde se cambia o de Instalacións de telecomunicacións polo de Sistemas microinformáticos e redes, ambos de grao medio; e no IES Ramón Cabanillas (Cambados), que comeza a impartir o superior de Vitivinicultura e deixa de ofertar o medio de Aceites de oliva e viños. Ademais, e polo réxime rotatorio que teñen estes ciclos, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa incorpora o ciclo de grao medio en Operacións subacuáticas e hiperbáricas, o IES Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez) ofertará o de grao superior en Administración e finanzas e o IES Moncho Valcarce (As Pontes de García Rodríguez) deixa de ofrecer o de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade.

No réxime modular de adultos en modalidade presencial, o grao medio en Farmacia e parafarmacia do IES Lamas de Abade (Santiago) pasa ao réxime ordinario e o de Aproveitamento e conservación do medio natural do IES San Rosendo (Mondoñedo) pasa á modalidade dual; mentres que o de grao superior de Dirección de servizos de restauración no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) pasa tamén a dual; e o de Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns no CIFP Manuel Antonio (Vigo) substitúese polo devandito de Anatomía patolóxica e citodiagnóstico, ambos de grao superior. Na modalidade a distancia, deixa de ofertarse no CIFP Manuel Antonio de Vigo o ciclo de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade, que si se ofrece en presencial.

Falta de alumnado

Por outra banda, deixan de ofertarse por falta de alumnado, no réxime ordinario, o ciclo de grao superior en Proxectos de edificación no IES As Mariñas (Betanzos).

No réxime modular para adultos presencial, polo antedito motivo, desaparece da oferta o ciclo de grao medio de Instalacións de produción de calor do IES Chan do Monte (Marín), e os de grao superior de Proxectos de obra civil no CIFP Someso (A Coruña) e no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela) e o de Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo).