O conselleiro asiste á celebración do XXV aniversario da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense

Preto de 4.000 titulados pasaron polas aulas destes estudos que nos primeiros anos foron impartidos nas instalacións do antigo hospital

Ven, 08/04/2011 - 19:50

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe aos actos centrais de celebración do XXV aniversario da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, un centro sen cuxo papel  “non podería entenderse o indubidable desenvolvemento social, económico e culturald e Ourense”, dixo.

Durante a súa intervención o conselleiro recordou o seu paso por este centro universitario e sinalou que “a formación que aquí se imparte constitúe un dos máis importantes acervos aos que o noso país pode aspirar: o capital humano, ese factor decisivo do que depende que os desafíos se volvan éxitos nunha sociedade que avanza para cumprir as esixencias de profesionalización”.

Asemade destacou que “esta facultade promove a calidade, o rigor e a investigación aplicada, forma innovadores e dálles instrumentos e perspectivas útiles para o avanza social e económico das organizacións nas que despois participan”. Así mesmo lembrou o importante avance vivido pola facultade, “que nun cuarto de século pasou de ter unha diplomatura a acadar seis titulación oficiais, tres de grao, dúas de máster e un doutorado”, e que “ambiciona contribuír ao desenvolvemento do territorio no que se insire, e a formar profesionais para o mundo”. “Por todo iso –engadiu-, o orgullo que sinto ao estar hoxe aquí é lexítimo, honesto e sincero”.

Xesús Vázquez Abad foi decano desta facultade pola que xa pasaron preto de 4.000 titulados ao longo deste cuarto de século, e neste punto recordou que “a taxa de inserción é dun 85%”. “Cómpre destacar –dixo- que poucos centros de educación superior poden exhibir un balance tan acertado e promisorio”. Na xornada de hoxe o campus converteuse nun punto de encontro de moitos deses estudantes, así como os seus profesores e persoal.

A historia da facultade

Con esta celebración recórdase o camiño que xa ten percorrido esta facultade, que ao longo deste tempo o centro sufriu numerosos cambios como o de instalacións pasando de estar no antigo hospital ao actual edificio. Ademais a súa denominación pasou de ser Escola de Estudos Empresariais a ser Facultade de Ciencias Empresarias, e xa no curso 2000-2001 engadiuse a titulación de Turismo.

Durante todos estes anos os tamén viu como se producían numerosos avances tecnolóxicos, modernizándose e adaptándose ás necesidades do seu tempo, contando na actualidade cun amplo equipo informático e multimedia que facilita o día a día do alumnado e que permite que o aprendizaxe de idiomas sexa máis completo.

As actividades

Os actos da celebración das vodas de prata da facultade desenvólvense ao longo de todo este mes, e xiran en torno á Semana Internacional na que profesores de todo o mundo estarán no campus, convertendo o recinto nun espazo bilingüe de intercambio de experiencias.

Ademais unha delegación de alumnas e alumnos organizan a Semana Cultural, dun carácter multicultural combinando actividades lúdicas, actuacións, degustacións, representacións teatrais e actividades académicas.