A Consellería de Educación iniciará os traballos para elaborar un anteproxecto técnico da ampliación do CPI Conde de Fenosa de Ares

O secretario xeral técnico da Consellería explicou no Parlamento que o Concello, catro anos e medio despois da primeira petición de cesión, aínda non puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios apra a construción dun novo aulario

Ven, 08/04/2011 - 14:20

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mantén o seu compromiso co alumnado do CPI Conde de Fenosa, de Ares, e iniciará de forma inmediata a redacción dun anteproxecto técnico da ampliación do centro, dado que o Concello aínda non cedeu os terreos para a construción do aulario, o que fai imposible que a Consellería encargue a redacción do proxecto.

Tal e como explicou o secretario xeral técnico da Consellería no Parlamento, a falta de espazo neste entro é un problema herdado desde o curso 2006/2007, un tempo de catro anos e medio no que o Concello aínda non cedeu os terreos precisos, pese a térselle solicitado desde a Xunta en 6 ocasións, tres delas nesta mesma lexislatura.

Así mesmo, o secretario xeral técnico informou na Comisión 4ª de Educación e Cultura do empeño do alcalde de Ares en ubicar o novo aulario de infantil nos terreos do aparcadoiro, a pesar de que en 5 ocasións “o xefe da unidade técnica informou negativamente esta reiterada proposta municipal”, xa que “o espazo do centro non admite máis densidade”.

Compromiso co alumnado

“Nos actuais dous anos de goberno- engadiu -a xefa territorial de Educación na Coruña visitou o centro en tres ocasións, o delegado territorial mantivo dúas reunións, e este secretario que lles fala unha máis, un total de 6 reunións sobre os mesmo tema”, o que demostra a vontade da Consellería en por solución á falta de espazo no centro.

Deste xeito o secretario xeral técnico explicou que, aínda que a Xunta de Galicia non pode substituír a iniciativa municipal de ceder a parcela axeitada para construír as aulas, a Consellería prevé materializar o seu compromiso co alumnado do CPI Conde de Fenosa concretándoo en dúas actuacións. Así, por unha banda iniciaranse os devanditos traballos para a redacción do anteproxecto técnico, “dado que o proxecto completo non se pode realizar sen ter a disposición os terreos”. Ademais, “no caso de que o Concello non chegase a ceder os terreos con tempo para a construción”, a Consellería instalaría un aulario prefabricado ao comezo do próximo curso para que as alumnas e alumnos poidan dar clase nun espazos “que permiten unha resposta correcta para a función para a que están deseñados e garante tamén condicións de confortabilidade para o alumnado”