O Ramón Piñeiro réndelle tributo ao profesor e investigador Anxo Tarrío pola súa xubilación

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística participaron no acto co que o centro de investigación homenaxeou a quen foi durante dúas décadas director técnico da súa Área de Literatura

Ven, 16/06/2017 - 17:20
O Ramón Piñeiro réndelle tributo ao profesor e investigador Anxo Tarrío pola súa xubilación

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP) rendeulle homenaxe hoxe ao profesor e investigador Anxo Tarrío Varela, con motivo da súa xubilación. O acto contou coa participación dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente.

O titular de Política Lingüística -departamento polo que se adscribe o centro de investigación á Consellería de Cultura e Educación- destacou na súa intervención “a valía tanto persoal coma académica e as bondades do gran profesor, excelente investigador, referencial historiador da literatura e sagaz crítico literario que licenciou, coma a min mesmo, ás xeracións de filólogos galegos que ao longo de máis de corenta anos de docencia recibimos as súas ensinanzas no noso paso pola USC, mais tamén a numerosos profesores, investigadores e bolseiros que tiveron oportunidade de gozar do seu maxisterio e da súa amizade no Ramón Piñeiro, cuxa Área de Literatura conta hoxe con importantes froitos mercé ao seu bo facer”.

Participaron tamén, canda eles e o homenaxeado, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente da Real Academia Española, Darío Villanueva; o coordinador científico do CRPIH, Manuel González; e o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.

Anxo Tarrío Varela (Santiago de Compostela, 1945) exercer o seu labor como profesor da Universidade de Santiago durante 42 anos. Desenvolveu nun primeiro momento o seu traballo no Campus de Lugo e máis tarde no de Vigo para, finalmente, exercer como catedrático das filoloxías galega e portuguesa desde 1993 ata a súa xubilación, no ano 2015.

Foi membro do CRPIH desde a súa fundación en 1993 e dirixiu no seu seo dous importantes proxectos: Dicionarios de Literatura Galega e Bibliografía da Literatura Galega, froito dos cales é o seu Dicionario de Termos Literarios (con dúas entregas publicadas en papel, nos anos 1998 e 2003, e hoxe moi implementado na rede http://www.cirp.gal/pls/bal2/f?p=106:50:2547535317525183847), unha obra considerada de referencia no ámbito universitario internacional.

Desde setembro de 1995 ata agosto do 2015 exerceu o seu labor como director técnico da Área de Literatura do propio CRPIH sendo o impulsor e o responsable último do conxunto dos seus proxectos e das moitas publicacións que esta xerou ao longo de dúas décadas.

Crítico, historiador e teórico da literatura galega, as letras galegas débenlle ao profesor e investigador compostelán obras fundamentais que redundaron na formación de moitas xeracións de universitarios e especialistas nos estudos destes eidos. De entre a súa ampla e brillante produción, cómpre destacar títulos como De letras e de signos. Ensaios de Semiótica e Crítica Literaria (1987), Literatura Gallega (1988), Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía (1989), Primeiras experiencias narrativas de Eduardo Blanco-Amor (1993), Literatura Galega. Aportacións a unha Historia crítica (1994) ou A baloira. Cidadanías, literaturas, mundos (2005), entre moitas outras.

Menús News node R