O Bierzo celebra o bicentenario do escritor Antonio Fernández Morales

Valentín García Gómez participou nos actos conmemorativos organizados polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo coa colaboración da Consellería, do Concello de Cacabelos, do Consello Comarcal do Bierzo, do Insitituto de Estudos Bercianos e do hotel La Moncloa

Fernández Morales é o autor dos ‘Ensayos poéticos en dialecto berciano’ (1861), segundo libro en galego do Rexurdimento

Sáb, 17/06/2017 - 12:30
O Bierzo celebra o bicentenario do escritor Antonio Fernández Morales

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá en Cacabelos (León) nos actos de homenaxe ao escritor berciano Antonio Fernández Morales no bicentenario do seu nacemento. Esta conmemoración estivo organizada polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Cacabelos, o Consello Comarcal do Bierzo, o Instituto de Estudos Bercianos e o hotel La Moncloa.

García Gómez acudiu primeiramente á casa do escritor, situada na rúa Santa María, onde se presentou a homenaxe, se leron poemas de Fernández Morales e se escoitaron algúns dos seus textos musicados, que interpretou o grupo 2naFronteira. Alí, o secretario xeral lembrou que este poeta “apostou polo galego cando todo estaba por facer, cando escribir versos na nosa lingua era unha audacia que moitos non comprendían”. Valentín García considerou que “esta homenaxe debe servir para divulgar o seu exemplo, para que, se hoxe vemos que queda camiño por andar na promoción da lingua galega, poñamos o noso gran de area na seguridade de que todas as achegas, e desde logo as que facedes aquí no Bierzo, son importantes”.

Con Valentín García estiveron Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo; Luis Alberto Airas e Gerardo Álvarez, do Consello Comarcal do Bierzo, e representantes do Concello de Cacabelos. O discurso central do acto correu a cargo do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.

A homenaxe ao autor berciano continuou no hotel La Moncloa, onde se inaugurou a exposición “Fernández Morales hoxe: creacións e recreacións” e se presentou o libro “Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017)”, publicado coa colaboración da Xunta de Galicia e con prólogo de Valentín García.

Antonio Fernández Morales, escritor berciano

Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817 – Cacabelos, 1896) foi un militar e escritor berciano en lingua galega. Comezou a escribir neste idioma baixo a influencia do seu amigo o filólogo catalán Mariano Cubí i Soler. En 1861 publicou os Ensayos poéticos en dialecto berciano, converténdose así no autor do segundo libro en galego do Rexurdimento, tras Xoán Manuel Pintos con “A gaita gallega” (1853).

Menús News node R