Educación dotará de kits de robótica a 120 centros de primaria
A Consellería convoca un novo programa de innovación educativa co fin de promover entre o alumnado, e desde idades temperás, a programación básica, robótica e construción
O obxectivo da iniciativa, que se enmarca na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, é fomentar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o estudantando galego
Lun, 12/06/2017 - 14:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina web a convocatoria dun novo programa de innovación educativa para introducir a robótica en Primaria. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotará de kits de robótica a un máximo de 120 centros docentes públicos durante o curso 2017/18 co fin de que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción.

En concreto, o material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.

Tal e como figura na resolución, que se pode consultar no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22426, cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante o vindeiro curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 29 de setembro de 2017.

Incremento das vocacións científicas e tecnolóxicas

Este programa enmárcase na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, que ten como prioridade incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado galego, ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.

Neste contexto, cómpre lembrar que desde o curso 2015/16, e a proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO (132 centros ofertárona este curso, con 4.000 matriculados) e de Robótica en Bacharelato (ofertada por 92 centros e con case 600 alumnos matriculados).   

De xeito parecido ao que conleva a introdución da Robótica en Primaria, a impartición destas materias en Secundaria leva aparellada a dotación de equipamento específico, como son os novos kits de robótica educativa, placas de comunicación e impresoras 3D, cos que a Consellería está fornecendo á maioría dos IES de Galicia, unhas ferramentas de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar; non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as devanditas materias de libre configuración autonómica.

Así mesmo, por primeira vez no curso actual puxéronse en marcha os “Club de Ciencia”, unha iniciativa que ten como obxectivo promover o espírito científico e investigador para invitar ao alumnado a descubrir diversos campos da ciencia e as posibilidades de aplicación.

Plan de formación específico

Ademais, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.