A investigación sobre o galego recibe un novo pulo a través das bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro

As seis bolsas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística están dirixidas a licenciados e licenciadas, que poderán presentar as súas solicitudes ata o 6 de maio

Mér, 06/04/2011 - 14:54

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a investigación sobre lingua galega a través da convocatoria de bolsas de formación en proxectos que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase dun total de seis bolsas de formación dirixidas a licenciados e licenciadas universitarios que reúnan os requisitos que se especifican para cada unha delas na orde da convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. Estas bolsas buscan contribuír á especialización na formación académica, profesional ou investigadora dos solicitantes.

O Centro Ramón Piñeiro, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén traballando en diversos proxectos que inciden no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas e que permiten unha investigación profunda da nosa historia lingüística e literaria. Concretamente, estas seis bolsas que se convocan están dirixidas á formación dos solicitantes dentro dos proxectos Dimensións da identidade colectiva de Galicia, Catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro, Terminoloxía científico-técnica, Informes de Literatura, Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos e Lírica profana galegoportuguesa.

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación que se establece na orde remata o próximo día 6 de maio. As actividades de formación iniciaranse o 1 de xullo de 2011 e rematarán o 30 de xuño de 2013.

Promover a formación investigadora

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten a función de promover a formación e capacitación de universitarios tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas relacionados coa lingua e a cultura galegas. Neste marco de actuación sitúase a oferta destas bolsas de formación, así como tamén a convocatoria de bolsas de estadías dirixidas a investigadores de procedencia internacional.