O certame OUFF Escola contribúe a fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade a través do audiovisual

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora na terceira edición desta iniciativa, que se presentou hoxe en Ourense

Mar, 05/04/2011 - 19:44

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ourense resentaron hoxe a terceira edición do Certame de Cinema OUFF Escola, unha iniciativa que se enmarca no XVI Festival de Cine Internacional de Ourense.

Durante a presentación, que tivo lugar na cidade das burgas, a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, Cristina Rubal, salientou a relevancia do ámbito do audiovisual no tempo de lecer da sociedade actual e destacou este sector como “unha canle importante para a dinamización do uso do galego”. “Por iso –engadiu– a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén apoiando desde o a súa creación o Certame OUFF Escola, un espazo de referencia para a mostra do audiovisual en galego realizado desde o ámbito educativo”.

No acto, Cristina Rubal estivo acompañada pola presidenta do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense e tenenta de alcalde do Concello de Ourense, Isabel Pérez.

Impulsar o uso do galego entre a mocidade

O III Certame de Cinema OUFF Escola busca impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.

Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. De feito, esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Bases do certame

Na ampla actividade dinamizadora desenvolvida nos centros de ensino é frecuente atopar iniciativas cheas de orixinalidade e capacidade de implicación do alumnado. Boa mostra disto témola nos numerosos traballos que se presentaron ao certame na primeira e na segunda edición.

Nesta terceira edición do Certame OUFF Escola poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2010-2011, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto.

O certame establece dúas categorías: por unha banda infantil e primaria e, por outra, outros niveis de ensino non universitario, agás as Escolas Oficiais de Imaxe e Son. En cada categoría concederanse catro premios: o primeiro e o segundo premios, que están dotados con 600 e 400 euros, respectivamente; o Premio Blanco Amor ao mellor guión, que conta cunha contía de 300 euros; e o Premio Público, sen dotación económica.

Para participar é preciso enviar o cuestionario que aparece no web www.ouff.org na sección do OUFF Escola, totalmente cuberto e asinado polo profesor ou profesora responsable do audiovisual.

O envío dos traballos deberá realizarse antes do 26 de xuño de 2011.