O conselleiro de Educación recibe a estudantes e profesores de Galicia, Italia e Lituania participantes no programa Comenius

Xesús Vázquez Abad mantivo con eles un encontro no Parlamento, con motivo da semana Comenius

Mar, 05/04/2011 - 14:05

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe pola maña a 46 estudantes e profesores dunha delegación dun instituto de Lituania, outro de Italia, e do IES García Barbón de Verín (Ourense), que están a participar nas actividades da semana Comenius.

O encontro realizouse no Parlamento de Galicia, dentro dunha das actividades organizadas para a xornada de hoxe. Cómpre recordar que os 46 estudantes e profesores participantes están a desenvolver as visitar e compromisos marcados coa semana de intercambio Comenius.

Unha semana de actividades

Todos eles comezaron onte cunha recepción na casa do Concello de Verín, e posteriormente desprazáronse ata Chaves, en Portugal. Xa pola tarde mantiveron un encontro con familias españolas e con membros do equipo do IES García Barbón.

Na xornada de hoxe visitaron a catedral e pola tarde teñen programado percorrer o parque de Bonaval. Para mañá o programa centrarase nun encontro no centro educativo ourensán e pola tarde na visita á fabrica de auga mineral Cabreiroá, e ao castelo de Monterrei, así como unha degustación de viños da zona. O xoves esáa programada unha visita á costa das rías baixas con parado en Tui, A Garda, Santa Tegra, Oia, Silleiro e Baiona. Finalmente o venres os participantes do programa Comenius realizarán unha xornada na que valorarán a estancia dos representes lituanos e italianos durante esta semana.

Cómpre recordar que as 20 alumnas e alumnos así como profesores procedentes de Lituania chegan desde a Escola Secundaria Xeral Plunges Semaniescio, da localidade de Plunges. Mentres que os outros 12 son do Instituto Técnico Industriale Statale “E Fermi” da cidade italiana de Barletta. Pola súa banda os 14 representantes galegos xa visitaron eses centros o ano pasando converténdose nesta ocasión en anfitrións.

Programa Comenius

O Programa Comenius é un proxecto a nivel europeo que ten como principal obxectivo reforzar a educación infantil, primaria e secundaria a través da promoción da mobilidade e cooperación entre os centros asociados. Entre as súas accións inclúese o desenvolvemento dos proxectos realizados entre os alumnos e profesores. Ademais entre os seus plans hai cursos de formación dirixidos ao profesorado e outro tipo de persoal docente, para a mellora da calidade da educación.

Dentro deste programa existen actividades accións como o programa Mobilidade do Alumnado Comenius, co que os estudantes dos centros galegos poderán asistir a clase en escolas europeas de tres a seis meses. Forma tamén parte deste programa a iniciativa Comenius Regio, coa que se promove a cooperación de autoridades locais e rexionais do mundo da educación entre os países europeos e que ten como obxectivo mellorar a oferta formativa.

O desenvolvemento en Galicia

Compre destacar que en Galicia son 106 centros os que participan no programa europeo Comenius. Un proxecto que ten como obxectivo reforzar a educación a través da mobilidade e cooperación entre centros, nas etapas de infantil, primaria e secundaria, nos que se desenvolven iniciativas bilaterais e multilaterais con outros centros europeos desde 2007.