Anxo Lorenzo inaugura en Lugo o VI Seminario de Dinamización Lingüística, que tamén se realiza esta semana na Coruña e en Vigo

Con estas xornadas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca contribuír á formación dos equipos de dinamización da lingua galega e favorecer o intercambio de experiencias de fomento do galego desde o ámbito do ensino

Lun, 04/04/2011 - 18:50

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, inaugurou esta tarde en Lugo o VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, unha iniciativa que “busca favorecer o intercambio e a posta en común de proxectos de fomento do uso do galego que se están a desenvolver desde o ámbito educativo”, asegurou o secretario xeral.

Anxo Lorenzo estivo acompañado polo coordinador provincial dos equipos de dinamización da lingua galega de Lugo, Xosé Luís Ansemil, durante a inauguración do seminario, que está dirixido ao profesorado encargado da planificación e da dinamización lingüística nos centros de ensino.

Xunto con Lugo, as cidades da Coruña e de Vigo tamén acolleron hoxe o inicio da sexta edición do seminario, que durante a semana pasada se desenvolveu en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Pontevedra.

Este ano, o Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino céntrase na competencia oral. Para desenvolver este eixo temático, o seminario conta cunha parte de formación que inclúe estratexias e recursos para que os docentes poidan traballar na aula as habilidades orais.

Un foro de intercambio de experiencias de dinamización lingüística

As sesións de formación compleméntanse cun espazo para dar a coñecer experiencias dinamizadoras salientables que se están levando a cabo en distintos centros educativos, con prácticas positivas, moi vinculadas a códigos asociados á modernidade, aos hábitos de lecer ou de interese da mocidade. Trátase de iniciativas que inciden no prestixio social do galego na súa variante oral culta e, ao mesmo tempo, na utilización da lingua en contextos informais coa finalidade de garantir a riqueza do idioma e aumentar o seu uso tanto dentro como fóra das aulas.

A través do VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, a secretaría xeral pretende difundir entre o profesorado modelos para a súa práctica docente diaria e aplicacións para lograr o emprego da lingua galega en todos os ámbitos.

A programación do seminario

O programa do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino de cada cidade pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en http://www.xunta.es/linguagalega/vi_seminario_de_dinamizacion_linguistica.

Menús News node R