Política Lingüística aposta pola formación en liña para impulsar a aprendizaxe do galego entre a poboación adulta

A secretaría xeral bota a andar os cursos Celga 1 en liña de 2011, preparatorios para as probas de certificación de coñecemento de lingua galega

Lun, 04/04/2011 - 17:50
A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou os cursos en liña preparatori
A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou os cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no nivel Celga 1

A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou hoxe os cursos en liña preparatorios para as probas de certificación de lingua galega no nivel Celga 1. Trátase dun total de tres cursos que serán seguidos por 150 persoas desde hoxe e ata o próximo 15 de xuño.

Cada curso en liña consta de 10 unidades didácticas de traballo de todas as competencias lingüísticas (expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita). Á súa vez, cada unidade inclúe 50 actividades, distribuídas en tres bloques. Estas unidades correspóndense cunha área temática comunicativa: “Que hai para comer?”, “Xa sei por onde teño que ir!”, “Dóeme todo o corpo”, “Quedamos despois do traballo” etc.

A metodoloxía do curso é sinxela e baséase na utilización de recursos audiovisuais e ferramentas lingüísticas tecnolóxicas co apoio dun titor que acompaña o proceso de aprendizaxe. Ademais, a plataforma virtual conta cun foro interno de opinión e de debate para o alumnado.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística completa a súa oferta de formación en liña para este ano cos primeiros cursos de linguaxe administrativa galega, un total de 13, dirixidos á formación en galego do persoal da Administración pública de Galicia.

Fórmulas didácticas innovadoras

O desenvolvemento de cursos en liña é unha aposta da secretaría xeral para darlle facilidades ao maior número
posible de xente adulta para aprender a lingua galega, aproveitando as vantaxes que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación para os medios formativos. Deste xeito, o sistema de formación en liña impulsado pola secretaría xeral responde ao obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de potenciar a aprendizaxe do galego na poboación adulta mediante fórmulas didácticas innovadoras que garantan resultados comunicativos satisfactorios.

Menús News node R