25 estudantes galegos participan nas Olimpíadas de Formación Profesional ‘Spainskills’

O conselleiro e o director xeral de Educación asistiron hoxe ao acto de apertura deste certame en Madrid

Lun, 04/04/2011 - 13:45
25 estudantes galegos participan nas Olimpíadas de Formación Profesional ‘Spains
25 estudantes galegos participan nas Olimpíadas de Formación Profesional ‘Spainskills’

Un total de 25 estudantes galegos participan a partir de hoxe nas Olimpíadas de Formación Profesional ‘Spainskills’, que se celebran no recinto feiral de IFEMA, en Madrid. Ata o próximo día 8 as alumnas e alumnos que representan a Galicia medirán as súas destrezas e habilidades en cerca de trinta skills ou profesións, en competición con estudantes de distintos ciclos formativos de formación profesional procedentes de centros educativos de todas as Comunidades Autónomas e Ceuta e Melilla.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiron ao acto de apertura deste certame no que, ademais dos premios nacionais, se  seleccionará o equipo que representará a España nos campionatos internacionais WorldSkills 2011, que se celebrarán en Londres, e nos europeos EuroSkills, que se disputarán no 2012.

Tras o acto o conselleiro amosouse satisfeito pola ampla representación galega nestas olimpíadas da Formación Profesional, que “teñen como obxectivo difundir as ensinanzas de FP que se imparten nos centros en colaboración coas empresas, motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP e recoñecer e estimular a labor do profesorado”. Ademais Vázquez Abad valorou este encontro como “un bo punto de encontro entre empresas, profesorado e alumnado”.

Destrezas

Cada participante –que acude acompañado por un profesor dos seu respectivo centros-  demostrará a súa competencia profesional durante catro días de competición a través dunha ou varias probas de carácter eminentemente práctico.

A delegación galega participa en 20 das 32 skills desta competición, o que significa unha importante representación no conxunto das Olimpíadas que confirma a calidade das ensinanzas de FP que se imparten en Galicia e o alto nivel de competencias adquiridas polos seus estudantes. Cómpre lembrar que 12 destes participantes accederon a esta competición tras acadaren unha medalla de ouro na primeira edición das Olimpíadas da FP de Galicia, GaliciaSkills. A galería de participantes e as competencias poden consultarse na web http://www.edu.xunta.gal/fp/GaliciaSkills.htm

Así haberá representación galega nas skills de Torneado, Fresado, Solado e alicatado, Reparación de carrozarías de vehículos, Electrónica, Diseño web, Control industrial, Ebanistería, Carpintería, Perruquería, Coidados de beleza, Tecnoloxía da moda, Pastelería, Tecnoloxía do automóbil, Cociña, Servizo de restaurante, Pintura de vehículos, Xardinería paisaxística, TI PC soporte de rede, e Deseño gráfico.

Éxito de participación

Os estudantes e docentes galegos teñen rexistrado excelentes participacións nas anteriores edicións das Spainskills. Non en balde, na súa última edición, os participantes galegos competiron en 13 das 18 especialidades da Olimpíada, e gañaron medallas en 6 delas, en concreto nas modalidades de carrozaría, deseño web, ebanistaría, perrucaría, tecnoloxía da moda e vehículos industriais. Galicia ocupou nesta competición o segundo posto no computo total de medallas por Comunidades Autónomas.

Grazas a estes resultados, que demostran a alta cualificación da FP galega, tres participantes da Comunidade, membros do equipo español de SpainSkills, competiron nas últimas WorldSkills, que se celebraron en Calgary (Canadá), nas modalidades de carrozaría, perrucaría e tecnoloxía da moda. Así mesmo, duas estudantes galegas participaron no equipo español de tecnoloxía da moda e deseño de moda nos campionatos europeos “Euroskills 2010”.

As Olimpíadas da Formación Profesional están promovidas pola organización internacional WorldSkills, cuxo obxectivo é a promoción das competencias profesionais no marco da Formación Profesional a nivel mundial. Na actualidade ten 52 países asociados.