A lingua galega conecta coas últimas tendencias do cine documental a través do festival internacional Play-Doc

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa sétima edición deste referente do audiovisual, que aposta pola promoción do uso do galego

Dom, 03/04/2011 - 11:15
Cartel do festival
Cartel do festival

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, na promoción do uso do galego. Este referente do audiovisual en Galicia, que pecha hoxe a sétima edición, consolida o galego como a súa lingua de presentación nas múltiples canles de difusión de contidos coas que conta o festival e que chegan a un público numeroso e heteroxéneo, procedente tanto de Galicia como de fóra das súas fronteiras administrativas.

Co seu apoio a esta iniciativa, Política Lingüística busca reforzar a conexión do galego co ámbito audiovisual, coas tendencias máis actuais que se están a desenvolver no sector, neste caso, no xénero do documental. O apoio ao festival favorece, ao mesmo tempo, a proxección internacional do idioma, pola importante repercusión que este ten fóra de Galicia. Boa proba disto son as 800 obras procedentes de máis de 60 países que este ano se presentaron a Play-Doc.

Creacións galegas

Desde a súa posta en marcha, máis de 40.000 persoas asistiron a Play-Doc, que se presenta como o festival independente con maior proxección máis alá das fronteiras galegas. Nesta sétima edición, Play-Doc acolleu desde o pasado 30 de marzo un total de 29 películas nas súas diversas seccións, que amosaron en Galicia as últimas tendencias do cinema documental de creación.

No festival, que se inaugurou co filme Brasil somos nós, a obra Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, e a curtametraxe Manuscritos pompeianos, do galego Marcos Nine, compiten na sección oficial con outros traballos. Hoxe realizarase a entrega de premios, que poñerá o punto final á edición deste ano do Play-Doc.