A creatividade e a escrita centran as IX Xornadas de actualización docente de portugués

O secretario xeral de Política Lingüística participou na inauguración deste encontro formativo que se celebra hoxe e mañá no MUPEGA co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Ven, 02/06/2017 - 19:43
A creatividade e a escrita centran as IX Xornadas de actualización docente de portugués

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á tarde no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), na inauguración das IX Jornadas de Atualização Docente de PLE (português língua estrangeira) organizadas polo Instituto Camões a través da Coordenação do Ensino Português no Estrangeiro para España e Andorra e polo Centro Cultural Camões en Vigo co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Associação de Docentes de Português na Galiza.

O secretario xeral agradeceulle ao profesorado asistente o seu interese en continuar formándose para “facer máis atractiva e doada para o alumnado da nosa comunidade a aprendizaxe do portugués”, unha lingua “rendible para nós”, porque “partindo do galego, podemos dominala moito mellor e en menos tempo ca calquera outro idioma estranxeiro”.

No acto inaugural participaron, a canda o secretario xeral, a agregada de asuntos de Educación e Cultura da Embaixada de Portugal en España, Filipa de Paula Soares; o vicecónsul de Portugal en Vigo, Manuel Correia da Silva; e a presidenta da Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG), Antía Cortizas Leira.

Estimular a creatividade no PLE

Co título “Estimular a Criatividade no PLE” estase celebrando no Museo Pedagóxico a IX edición das Jornadas de Atualização Docente de PLE que reúnen máis de medio cento de docentes de portugués.

Nesta ocasión, as xornadas perseguen, entre outros obxectivos, fornecer o profesorado de estratexias para o desenvolvemento de escrita, particularmente de escrita creativa, na aula de portugués lingua estranxeira. Para iso, alternan as intervencións de Margarida Fonseca Santos, escritora, formadora e dramaturga portuguesa, e de Paula Isidoro, profesora de portugués e de francés lingua estranxeira no ensino secundario. A primeira, ocupouse esta mesma tarde, tras a inauguración, de “Desafíos da Escrita – até onde podemos ir com textos curtos”. Mañá sábado, a partir das 12:00 horas, volverá intervir co tema “Melhorar e jogar com contrários – o prazer de escrever”. Paula Isidoro, pola súa banda, abrirá a xornada do día 3, con “Oralidade e Criatividade – Diferentes tipos de interações orais na aula de PLE” e pecharaa pola tarde coa proposta “Escrita Criativa, TIC e ensino de PLE -Apresentação de Projeto”.

As xornadas son eminentemente prácticas e inclúen momentos para a experimentación. Nelas vanse mostrando diferentes puntos de partida e diferentes formas de produción (oral e escrita) a través de exercicios divertidos que culminan coa lectura de textos e o debate sobre os resultados.

Lei Paz-Andrade

O apoio da Consellería de Cultura e Educación a esta xornada formativa para profesorado de portugués lingua estranxeira inscríbese no marco das accións con que desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade. Estas accións inclúen o Memorando de Entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia e a conseguinte implantación e consolidación desta materia en ESO e bacharelato.

A Lei Paz-Andrade foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas. O seu obxectivo é aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa.

Menús News node R