O MUPEGA expón edicións de ‘O Principiño’ traducidas a linguas de todo o mundo

A mostra foi recompilada por Carlos Casares

Dom, 03/04/2011 - 12:15

Desde o pasado 25 de marzo os visitantes do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) poden gozar da mostra ‘O Principiño arredor do mundo’, unha recompilación de edicións da obra de Antoine de Saint-Exupéry traducida a linguas de todo o mundo.

Organizada pola Fundación Carlos Casares, a exposición está composta por un centenar de volumes correspondentes a distintas traducións de ‘Le Petit Prince’, publicada por primeira vez no ano 1943, e provén da colección particular do escritor galego Carlos Casares.

Recompilación de Casares

A exposición tamén contén varios paneis ilustrados e ofrécense explicacións contextualizadoras da obra e desta mostra, así como sobre a obra de Carlos Casares e a súa relación con ‘O Principiño’.

O interese do escritor ourensán pola obra O Principiño parte da época na que traballaba na súa tradución ao galego, entre 1969 e 1972, data na que se publicou a primeira edición en lingua galega. Para isto recorreu ao orixinal francés e a traducións a outras linguas romances, como o castelán, o catalán ou o italiano, entre outras. Casares foi xuntando máis volumes ao longo dos anos, recompilados nas súas viaxes, agasallados polos seus amigos ou, xa nos últimos anos da súa vida, mercados a través de internet.

Cómpre lembrar a importancia de Casares, ademais de como novelista, biógrafo, ensaísta e xornalista, como reputado autor de literatura para nenos, con obras como ‘A galiña azul’ (Premio do I Concurso de Contos ‘O Facho’, 1968) ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ (Premio de Teatro Infantil ‘O Facho’, 1973 ). As obras do escritor ourensán foron recoñecidas ademais cos Premios da Crítica Galega e Española, co Premio ‘Galicia’ outorgado pola Xunta (1989), e os premios ‘Ánxel Fole’ e ‘Otero Pedrayo’, entre outros. Ademais recibiu polos seus traballos xornalísticos galardóns de prestixio como o ‘Fernández Latorre’, ‘Julio Camba’ ou ‘Fernando Blanco Torres’.

Edicións especiais

Os volumes que se expoñen nesta mostra están clasificados por linguas dentro de cadansúa familia lingüística. Así pois, pódense atopar edicións de distintas linguas e nos máis variados alfabetos do mundo (desde o occidental ata os do Extremo Oriente). A meirande parte destas obras seguen as directrices de publicación ortodoxos para esta obra, se ben algúns volumes teñen peculiaridades de grande interese no tocante á súa edición dentro do conxunto da colección.

Como novidade, a exposición inclúe algúns elementos ao redor da figura de ‘O Principiño’, como postais ou un libro confeccionado con papiro (procedentes de La Habana), a banda deseñada ‘El último vuelo’, un libro sobre Consuelo, a muller de Saint-Exupéry - que resulta ser a metáfora da rosa na historia desta obra- ou unha libreta manuscrita de Carlos Casares cunha tradución de parte de ‘O Principiño’, datada en Euskadi no ano 1970.

A mostra pódese visitar no primeiro andar do Museo Pedagóxico de Galicia, dentro dos horarios habituais de apertura do museo.