Máis do 60% do alumnado participou hoxe na avaliación de 3º de primaria en Galicia

Cómpre subliñar que se trata de probas de carácter diagnóstico que non teñen ningún efecto no expediente académico e que se realizan de xeito ordinario na maioría dos países europeos

O seu obxectivo é obter unha información comparada do sistema para poder deseñar programas de mellora educativa máis axeitados ás necesidades detectadas

Mar, 30/05/2017 - 14:08

A avaliación de 3º de Educación Primaria que se realiza entre hoxe e mañá en Galicia estase a desenvolver con normalidade e cunha participación similar a das convocatorias anteriores.  É dicir, máis do 60% por cento do alumnado matriculado neste curso participou hoxe na primeira xornada da proba de 3º que se desenvolve por terceiro ano consecutivo. Estas porcentaxes son estimacións provisionais segundo os datos facilitados polos equipos directivos e a inspección educativa.

Cómpre lembrar que, froito dun acordo unánime entre todas as CCAA e o Ministerio de Educación referendado no Congreso dos Deputados, a avaliación individualizada de 3º de Primaria mantense coas mesmas características que xa estaban establecidas na LOMCE. Isto é, que tal como se fixo nos dous anteriores cursos, aplícase ao conxunto dos centros educativos.

Cómpre salientar, unha vez máis, que os resultados desta avaliación non teñen efectos sobre o expediente académico dos nenos e nenas, e que a Consellería en ningún caso vai facer ránking de centros, como xa quedou demostrado nas dúas anteriores edicións.

Por tanto, este tipo de probas -que se realizan de xeito regular na maioría dos países europeos- deben entenderse como unha ferramenta metodolóxica máis, que complementa a avaliación continua, reforza o labor dos docentes e axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución dos seus fillos e fillas. Polo tanto, estes datos permiten obter unha información comparada do sistema educativo para poder deseñar programas de mellora máis axeitados ás posibles eivas que se poidan detectar.

Hai que lembrar que, a raíz das probas de 3º e de 6º de Primaria do pasado curso, neste 2016/17 a Consellería asinou contratos-programa para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos resultados obtidos, que supuxo a incorporación neste curso, de 114 profesores de apoio contratados a maiores para outros tantos centros escolares. É dicir, que todos eles contan cun docente de apoio externo, ao igual que sucedeu cos 69 centros que recibiron apoio deste tipo no curso 2015/16 ao abeiro do resultado da proba de 3º de Primaria celebrada no curso 2014/15.