A Consellería de Educación dá prioridade á mellora de competencias en linguas e ao Proxecto Abalar, nas licenzas de estudo para o vindeiro curso

Haberá 115 permisos para mellorar as competencias lingüísticas no estranxeiro e 190 para fomentar a participación do profesorado no Proxecto Abalar

Ven, 01/04/2011 - 16:25

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar na mesa sectorial de ensino non universitario o borrador da Orde pola que se convocan un total de 305 prazas para licenzas por estudos para o curso 2011-2012 destinadas aos docentes galegos.

Deste xeito coa nova estrutura das licenzas foméntase a participación do profesorado nos proxectos de potenciación das linguas estranxeiras e de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no sistema educativo (Proxecto Abalar).

Para iso haberá un total de 115 prazas para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior durante dous meses, fronte ás 20 convocadas no curso anterior para esta finalidade. Esta modalidade está dirixida ao profesorado non especialista de ensino primario e secundario que acredite o nivel B1 en lingua estranxeira do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas. O obxectivo é que os docentes melloren as súas competencias en outros idiomas, de tal forma que acaden a cualificación para impartir clases en seccións bilingües ou centros plurilingües, contribuíndo a desenvolver o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Respecto das licenzas destinadas a que o profesorado poida crear, de forma individual ou en parellas, materiais curriculares dixitais, haberá 190 prazas, fronte ás 117 do ano anterior. Estes permisos terán unha duración trimestral, e centraranse en traballos de creación de materiais dixitais que desenvolvan contidos curriculares, co fin de enriquecer o repositorio de contidos do espazoAbalar, a plataforma web do proxecto de integración das TIC no ensino.

Atención ás TIC e linguas estranxeiras

As licenzas constitúen un complemento á formación anual programada a través de actividades contempladas no Plan Anual de Formación do Profesorado. Con elas preténdese involucrar ao profesorado na realización de proxectos de investigación, elaborando materiais didácticos, nun momento no que as novas tecnoloxías acadan unha importante presenza e gozan de grande proxección no eido docente.

Doutra banda, e en resposta á grande importancia e á demanda do seu coñecemento, abórdase a potenciación da formación do profesorado nas linguas estranxeiras no exterior.