A Xunta e as fundacións María José Jove e Ingada xa formaron 532 docentes para o tratamento do TDAH
Ademais, entregouse a III Bolsa TDAH Fundación María José Jove-Ingada e asinouse a addenda ao convenio de colaboración entre as tres entidades para o desenvolvemento deste programa
Ven, 26/05/2017 - 13:56

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe, xunto á presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e ao presidente da Fundación Ingada, Ángel Carracedo, os resultados do III Curso de Formación do Profesorado para o Tratamento do Alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Ao abeiro desta iniciativa, desenvolvida en colaboración polas tres entidades, formouse a 154 docentes de outros tantos centros educativos; aínda que no conxunto das tres edicións do programa tense proporcionado formación a un total de 532 docentes.

Román Rodríguez salientou a importancia da colaboración entre as tres entidades para desenvolver iniciativas como este curso, que ten como obxectivo aportar os coñecementos necesarios para que os docentes traten de forma axeitada esta necesidade educativa específica nas aulas. Asemade, o conselleiro quixo tamén agradecer a implicación do profesorado participante na integración nas aulas do alumnado con este trastorno.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o compromiso da Consellería por unha educación que contribúa á promoción da equidade e da igualdade de oportunidades, “convencidos de que atender á diversidade é ter en conta as diferenzas e consideralas un valor engadido para a sociedade”.

Gañadores

A formación foi impartida por médicos, pedagogos, neuropsicólogos, logopedas e neuropediatras no primeiro trimestre do curso 2016/17 e constou de 25 horas de formación teórica e prácticas. Ademais, e como novidade nesta edición, ampliouse cun curso en liña acreditado para os profesores de centros concertados que non podían acceder á formación presencial. Ao remate, os docentes participantes presentaron un proxecto final, entre os que se seleccionaron un gañador e dous finalistas.

O desenvolvemento de habilidades técnico-específicas no alumnado de Formación Profesional (hostelería) con TDAH. Habilidades organizativas e planificación, do profesor Víctor Patiño Grela (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña) foi o gañador, polo que recibiu  a III Bolsa TDAH Fundación María José Jove-Ingada. Así mesmo, resultaron finalistas os proxectos de Noemí Romay Vales, do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma (A Coruña) e de Alma María Figueroa Varela, do IES David Buján (Cambre).

No transcurso do acto Román Rodríguez, Felipa Jove e Ángel Carracedo asinaron tamén a addenda do convenio a través do que se desenvolve este programa de formación de ata 200 profesores, neste caso para o curso 2017/18.