O profesorado de galego nas universidades catalás valora novas iniciativas para a proxección do idioma

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro cos docentes de galego de Barcelona

Ven, 01/04/2011 - 12:41
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro cos doc
O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro cos docentes de galego de Barcelona

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro co profesorado e cos lectores de galego da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e da Universitat de Barcelona (UB). Durante a xuntanza, que tivo lugar na Facultat de Filologia da UB, os profesores e as profesoras de galego trasladáronlle ao secretario xeral diversos temas sobre os estudos de galego na universidade.

As necesidades actuais da docencia, a visibilidade dos estudos de galego nestas universidades, as accións formativas complementarias, a posta en marcha de novas iniciativas para a proxección do galego e a investigación sobre o idioma foron algunhas das cuestións que se trataron no encontro, no que participaron María Xesús Lama, Helena González, Camilo Fernández, Sabela Labraña e Ana Escourido, da Universitat de Barcelona, e Sonia Varela e Miguel Anxo Solla, da Universitat Autònoma de Barcelona.

Impulsar o Proxecto Galauda

Así mesmo, Anxo Lorenzo fixo fincapé no Proxecto Galauda, que posibilita o estudo da lingua galega en centros de ensino secundario de Cataluña. Respecto desta iniciativa, o secretario xeral trasladoulle á coordinadora do proxecto, Sabela Labraña, o seu interese por ampliar esta iniciativa e favorecer que máis alumnado de ensino secundario catalán poida interesarse e coñecer a lingua  e a cultura galegas.

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística aproveitou a súa visita institucional a Barcelona para entrevistarse coa respondable do Centro de Estudos Galegos da UAB, Lorraine Baqué, e coa decana da Facultat de Filosofia i Lletres desta universidade, Teresa Cabré. Do mesmo xeito, Anxo Lorenzo mantivo un encontro coa responsable do Centro de Estudos de Galego na UB, María Xesús Lama, e co decano da Facultat de Filologia desta universidade, Adolfo Sotelo.

O plurilingüismo na sociedade española

Nesta facultade, o secretario xeral impartiu esta mañá o seminario “España plurilingüe? A percepción do plurilingüismo na sociedade español” , onde expuxo as principais ideoloxías e discursos lingüísticos sobre as linguas oficiais do Estado español. Anxo Lorenzo, que  incidiu nos procesos de normalización lingüística desde 1978 e nas súas consecuencias prácticas, salientou durante a súa intervención a necesidade de asentar o valor simbólico e práctico do plurilingüismo na sociedade española. Para isto, apostou pola promoción da diversidade lingüística por parte do Estado e das comunidades autónomas e pola difusión do coñecemento das linguas cooficiais.

Menús News node R

Ensinanza