Máis de 8.000 persoas realizan as probas de acceso a ciclos formativos de grao superior

Destaca o éxito da convocatoria cun incremento do 15,7% no número de inscritos

Ven, 01/04/2011 - 10:50

Máis de 8.000 persoas realizan hoxe as probas de acceso a ciclos formativos de grao superior, que se celebraron en IES e CIFPs de toda Galicia. Destaca o éxito desta convocatoria, na que o número de persoas inscritas se incrementou máis dun 15,7% con respecto ao ano pasado, cando solicitaron realizar as probas 6.985 persoas.

Deste xeito queda de manifesto a importancia que a formación profesional está a gañar no sistema educativo galego, de acordo coa estratexia de posta en valor destas ensinanzas que está a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Estes exames para acceder a ciclos de Formación Profesional de grao superior teñen un carácter totalmente gratuíto para os cidadáns.

A quen van dirixidas?

As probas de acceso a FP de grao superior, diríxense a quen non cumpra os requisitos académicos esixidos para o acceso, sempre e cando teñan cumpridos dezanove anos ou os cumpra no ano natural de celebración da proba. Así mesmo puideron presentarse a estes exames quen cumpra ou teñan cumprido dezaoito anos no 2011, e dispoñan dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción á que opta.

Para obter o acceso os aspirantes deberán superar unha parte común, que consta de probas de lingua galega, lingua castelá e matemáticas; e unha parte específica. Nesta última os candidatos escolleron unha das tres opcións propostas e, dentro dela examináronse de dúas materias, entre as seguintes opcións:

  – Opción A: economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía.

  – Opción B: debuxo técnico, tecnoloxía industrial, e física.

  – Opción C: ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

De superaren as probas os aspirantes obterán unha certificación na que constará a nota final e a relación de familias profesionais nas que se posibilitará o acceso a ciclos en función da opción elixida.

Para quen realizara a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos en Galicia.

Menús News node R