Alumnado de galego no Bierzo e Sanabria visita Galicia para achegarse á lingua e á cultura galegas

O secretario xeral de Política Lingüística mantivo un encontro con eles en Vigo

Preto dun milleiro de nenos e mozos estudan galego na comunidade de Castela e León ao abeiro do Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León

O Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria ampliará en setembro os seus centros adscritos coa incorporación do CRA Cubillos del Sil de León

Ven, 12/05/2017 - 14:53
Alumnado de galego no Bierzo e Sanabria visita Galicia para achegarse á lingua e á cultura galegas

Un grupo de 149 alumnos e alumnas, residentes nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, e 11 profesores e profesoras de 12 dos 18 centros adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria enmarcado no Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León rematan hoxe a visita de estudos que os trouxo a Galicia para achegarse de primeira man á lingua e a cultura galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiunos hoxe ao mediodía en Vigo e animounos a “seguir perfeccionando os seus coñecementos lingüísticos e culturais do galego para así reforzar este programa que chegou en 2017 aos 15 anos en activo como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior”.

O alumnado tivo oportunidade de visitar onte a cidade da Coruña e algúns dos seus emprazamentos máis emblemáticos, como a Torre de Hércules, o Aquarium Finisterrae ou a Domus; e hoxe a comarca da Barbanza e a cidade olívica. Nestas paradas, participaron en obradoiros, actividades deportivas e de lingua, visitas guiadas e noutros actos culturais.

Impulsar o coñecemento da lingua nas comunidades estremeiras

Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego preto dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e de Zamora.

Para alén das aulas, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a realizada por este grupo de alumnado e profesorado este curso para favorecer que a rapazada coñeceza de primeira man moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico da nosa comunidade autónoma.

Preto dun milleiro de alumnos e alumnas de galego

O alumnado que segue o programa distribúese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.

Canto aos IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada estudan galego no ano académico en curso máis de medio cento de alumnos e alumnas.

Ampliación do programa en setembro

O Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria ampliará o vindeiro curso académico 2017-2018 os seus centros adscritos coa incorporación a este proxecto do CRA leonés Cubillos del Sil, que se sumará aos 18 centros de ensino primario e secundario e mais á escola oficial de idiomas.

Ademais de en Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, nos institutos cataláns do proxecto Galauda e mais no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

Menús News node R