Política Lingüística e o Institut Ramon Llull exploran canles de colaboración para a proxección exterior do galego e catalán

Os responsables das dúas entidades, Anxo Lorenzo e Vicenç Villatoro, respectivamente, mantiveron un encontro hoxe en Barcelona

Mér, 30/03/2011 - 19:15
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse esta tarde co
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse esta tarde co director do Institut Ramon Llull, Vicenç Villatoro

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse esta tarde co director do Institut Ramon Llull, Vicenç Villatoro, unha entidade que ten como obxectivos prioritarios a promoción e difusión da lingua e da cultura catalás no exterior, incidindo na mellora do coñecemento, o uso e a aprendizaxe deste idioma como lingua estranxeira.

Durante a entrevista, que tivo lugar na sede do Institut Ramon Llull, en Barcelona, Anxo Lorenzo e Vicenç Villatoro compartiron aspectos da acción exterior que están a desenvolver na actualidade os departamentos que dirixen e valoraron positivamente a posibilidade de manter unha canle de comunicación permanente para aproveitar os recursos e estratexias no ámbito da proxección internacional.

Con este fin, exploraron as posibilidades de colaboración para o desenvolvemento de accións e actividades conxuntas orientadas a favorecer o coñecemento, promoción e difusión da lingua e da cultura galega e catalá, principalmente desde aquelas universidades de España, Europa e América en que a Xunta de Galicia e o Institut Ramon Llull contan con centros de estudos e lectorados de galego e catalán.

Conferencia no Centro Galego de Barcelona

Por outra banda, Anxo Lorenzo impartirá a partir das 20:00 horas unha conferencia no Centro Galego de Barcelona, no marco da súa visita institucional á cidade condal, para explicar as principais liñas de acción da política lingüística de Galicia e algúns dos retos máis importantes do galego para o século XXI.

Menús News node R