Anxo Lorenzo anima os alumnos e alumnas que participan no proxecto Galauda a continuar estudando galego en Cataluña

O responsable de Política Lingüística recibiu hoxe os estudantes de secundaria que aprenden galego durante este curso en institutos cataláns

Mér, 30/03/2011 - 19:10
Anxo Lorenzo, hoxe, cos estudantes de galego en Cataluña
Anxo Lorenzo, hoxe, cos estudantes de galego en Cataluña

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou os alumnos e alumnas que participan no Proxecto Galauda a continuar estudando galego en Cataluña. Así llelo trasladou esta mañá na Universitat de Barcelona, onde tivo ocasión de recibir estes estudantes de secundaria que aprenden lingua e cultura galegas en institutos cataláns grazas a este programa educativo.

“Desde o ano 1999 –recordou Anxo Lorenzo– é posible estudar galego nos centros de educación secundaria de España”. Esta realidade comezou precisamente en Cataluña, no marco do Proxecto Galauda, como unha iniciativa impulsada pola Universitat de Barcelona e que conta coa colaboración das administracións autonómicas galega e catalá.

Entender o plurilingüismo como unha riqueza

Durante o acto de recepción ao alumnado, o secretario xeral fixo fincapé nos principais obxectivos deste programa educativo, que busca “fomentar o respecto ás linguas e ás culturas entre os adolescentes, promover a diversidade lingüística e cultural, favorecer a percepción do plurilingüismo como unha riqueza e achegar dúas realidades próximas, pero diferentes, como son a catalá e mais a galega”, afirmou.

100 alumnos e alumnas en catro institutos

No curso académico 2010-2011 son un total de 100 os alumnos e alumnas de secundaria que estudan galego grazas ao proxecto Galauda. Os estudantes pertencen aos catro institutos cataláns que participan no programa: Arquitecte Manuel Raspall (Cardedeu), Margarida Xirgu (L’Hospitalet de Llobregat), Narcís Monturiol (Barcelona) e Sant Just Desvern (San Just Desvern).

Anxo Lorenzo estivo acompañado no acto de recepción aos estudantes de galego en Cataluña polo vicedecano de Estudiants, Recerca i Relacions Internacionals da Facultade de Filoloxía da Universitat de Bercelona (UB), Ignasi Adiego; pola técnica de docencia do Departament d’Ensenyament da Generalitat de Catalunya, Maria Ojuel; polo catedrático de Estudos Galegos e Portugueses da UB, Basilio Losada; e mais pola profesora titular de Estudos Galegos e Portugueses da UB e responsable do Proxecto Galauda, Sabela Labraña.

Menús News node R