A Consellería de Educación incorporará 75 novos centros ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares no vindeiro curso

Na actualidade son 374 os colexios e institutos que forman parte desta rede

Mér, 30/03/2011 - 10:50

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incorporará o vindeiro curso 75 novos centros á rede beneficiada polo Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que se enmarca no PLAN LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe). Estes uniranse ao 374 centros que están integrados no programa neste momento, dos que 134 son institutos de ensino secundario, o que significa que o 51% do total deste tipo de centros, de titularidade pública están incluídos no Plan.

A Consellería de Educación achegará no curso que vén máis de 1,6 millóns de euros ás bibliotecas escolares beneficiadas polo PLAMBE, un programa que pretende incentivar a aqueles centros que se comprometen a renovar as súas bibliotecas e a utilizalas de forma eficiente para a mellora da calidade do ensino que ofrecen ao seu alumnado. Deste xeito asignaranse contías para a renovación dos fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), así como para a renovación de equipamento e mobiliario.

Para entrar na rede do PLAMBE os centros interesados deberán elaborar un proxecto segundo as pautas e orientacións contidas na propia convocatoria, que será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir da publicación da orde no DOG.

Mellora da competencia lectora

Mediante este plan, a Consellería quere fomentar un modelo de biblioteca que integre a cultura impresa e a cultura dixital, apoiando a aquelas comunidades educativas que organizan os seus recursos materiais e humanos para que este sistema resulte eficaz e se utilice nos distintos procesos de ensinanza e de aprendizaxe. Ademais busca impulsar que as bibliotecas incorporen metodoloxías innovadoras e axuden ao seu alumnado, dunha forma convencida, a moverse no mundo da información de maneira eficiente.

Esta iniciativa encamíñase tamén a mellorar as competencias lectoras, algo que xa se acadou nos resultados acadados polo alumnado da comunidade autónoma galega nas últimas probas PISA, nos que se apreciou unha lixeira mellora dos índices de comprensión lectora. O obxectivo é favorecer o hábito lector a través das actividades de fomento da lectura organizadas na bibliotecas escolares co fin de acadar a excelencia nesta competencia.