A lingua galega chega aos nenos e nenas de 18 concellos a través da música, da maxia e da poesía de Bocaberta

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por unha ampla oferta de actividades para crear espazos de uso do galego ligados ao lecer

Mar, 29/03/2011 - 11:49
A lingua galega chega aos nenos e nenas de 18 concellos a través da música, da m
A lingua galega chega aos nenos e nenas de 18 concellos a través da música, da maxia e da poesía de Bocaberta

A maxia, a poesía e a música son as protagonistas desta semana de Bocaberta, o programa co que a Secertaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer o uso do galego entre os rapaces e as rapazas dos 3 aos 18 anos. Nos próximos días, Bocaberta percorrerá un total de 18 concellos cunha ampla oferta de actividades para que os máis novos poidan gozar a través da lingua galega.

A poesía, na súa versión máis tola e divertida, será unha das protagonistas desta semana en Bocaberta. Os versos de Antonio García Teijeiro, recitados pola compañía Factoría Teatro, son a base da que parte Señor Mundo, dígame?, que inclúe unha representación teatral que lle cede a palabra ao público para converterse en obradoiro de expresión dramática. Esta proposta, que visitou onte Lobeira, Porqueira e Vilar de Santos, está hoxe en Pontedeva, Barbadás e A Bola, e mañá realizará novas paradas en Ponteceso e Mesía.

Tamén para os máis pequenos, mesturando a palabra e a maxia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística propón esta semana Abrapalabra. Trátase dun espectáculo levado a cabo polo prestidixitador Carlos Coira que está dirixido a nenos e nenas dos 3 aos 11 anos. A actividade estará o xoves en Sarreaus e en Laza, e o venres visitará Corcubión e Dumbría.

Máxica é tamén a proposta de Chrystian Magic e a súa actividade Atrapado na torre, que pasará o sábado por Mugardos e o domingo por Sada para amosarlles aos rapaces e rapazas dos 9 aos 12 anos o que hai que facer para ser un prestidixitador profesional.

Fin de semana musical

A fin de semana chega cargada do mellor ritmo en Bocaberta. Dúas actividades con obradoiros son a aposta do programa da secretaría xeral para rematar a semana. O sábado, o musical Ola, ola, la! levará os seus talleres a Lugo, para ofrecerlles aos nenos e nenas de 4 a 8 anos a posibilidade de introducirse no mundo das cancións. Os asistentes aos obradoiros recibirán un libro, un CD e un DVD-Karaoke que lles permitirá continuar cantando e divertíndose na casa. Por outra banda, a actividade ofrecerá dous concertos na Coruña, nos que o grupo Mamá Cabra interpretará os seus éxitos.

Tamén o sábado, os mozos e mozas dos 5 aos 7 anos poderán asistir en Vigo ao obradoiro de música tradicional, xogos e adiviñas que imparten Olga Kirk e Pablo Díaz: Canta música! Esta proposta estará o domingo en Gondomar.

Os espazos e horarios das actividades de Bocaberta están dispoñibles a través do enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta. Ademais, o programa tamén está presente nas principais redes sociais (Facebook, Twitter e Tuenti).

Crear espazos de uso do galego ligados ao lecer

Bocaberta é o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixido a dinamizar o uso da lingua galega entre os rapaces de 3 a 18 anos, que de outubro de 2010 a maio de 2011 achegará 747 actividades a 315 concellos diferentes.

Os obxectivos de Bocaberta, emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, son crear espazos de uso do galego ligados ao lecer e aos intereses dos nenos e dos mozos, reforzar o uso do galego entre os galegofalantes, proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona, e desenvolver materiais que favorezan o uso da lingua e a sensibilización sobre a utilidade e o valor do galego.

Menús News node R

Colectivo

Tema