Galicia e Arxentina reforzan os seus lazos culturais coa publicación de ‘Galicia entre nosotros’

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, deu a coñecer esta publicación no marco do certame literario organizado coa Academia Argentina de las letras co obxectivo de que o estudantado arxentino afonde no coñecemento de Galicia

Román Rodríguez tamén visitou o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, onde asistiu á charla da escritora Andrea Maceiras e emprazou ao alumnado deste centro a practicar a lectura porque nos libros “está un dos fundamentos de calquera sociedade avanzada”

Lun, 08/05/2017 - 18:00
Galicia e Arxentina reforzan os seus lazos culturais coa publicación de ‘Galicia entre nosotros’

Galicia e Arxentina veñen de reforzar os seus lazos culturais a través dun certame literario organizado conxuntamente coa Academia Argentina de las Letras e dirixido ao estudantado do país austral co fin de afondar no coñecemento de Galicia en xeral e do pobo galego en particular.

No marco desta iniciativa, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación da publicación da obra Galicia entre nosotros. Relatos de estudiantes argentinos que reúne as doce obras gañadoras da última edición deste certame literario.

O responsable cultural do Goberno Galego desprazouse ata a sede institucional da Academia Argentina de las Letras para intervir neste acto, logo de visitar pola mañá o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, onde asistiu á charla ofrecida pola escritora Andrea Maceiras.  En ambos actos estivo acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e do delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

“Galicia entre nosotros”

Tal como explicou Román Rodríguez, coa publicación de “Galicia entre nosotros”, péchase o círculo que se abriu o ano pasado coa convocatoria deste certame literario entre Galicia e Arxentina que, segundo dixo, creouse coa idea de “enriquecer esta programación cultural cunha actividade que estreitase os xa de por si fortes lazos entre os nosos países”. “Os relatos dos 12 mozos gañadores amosan a cercanía, o fondo e íntimo coñecemento que os mozos arxentinos teñen da realidade social e histórica do pobo galego”, engadiu.

No decurso do acto, as estudantes Natalia Philipp e María Inés Goldzycheer, que foron distinguids co primeiro premio nas dúas categorías convocadas, procederon a ler os seus relatos. No evento, ademais do conselleiro, tamén participaron o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure, e os académicos desta mesma institución, Antonio Requeni, Jorge Cruz e Luis González Tosar.

Alumnos galardoados

Na convocatoria deste ano, na categoría A do certame, para alumnos de estudos terciarios e universitarios, o primeiro premio foi para o relato “As” de Natalia Philipp. Así mesmo, recibiron mencións especiais os traballos “La tierra y la sangre”, de Rodrigo Ariel Moral; “El aullido”, de Maricel Amblard; “Hermana mía”, de Sofía Tiviroli; “El agua de mis ancestros”, de Lisandro Penelas; e para “El niño que trae la brisa”, de Silvana Nancy Muíño.

Por outra banda, na categoría B, para estudantes de nivel secundario, o primeiro premio concedéuselle a María Inés Goldzycher  polo relato “Carta desde América”; mentres que as mencións especiais recaeron en “Al final, negro” de Joaquín Batinic Rey; “Los lobos de Galicia”, de Maribel Gándara; “Amor inmigrante”, de Sabrina Rabaglia; “¡Se chove, que chova!”, de Ela Jana Alazraqui; e en “Somos lo que soñamos ser”, de Lucía Belén Romero Percivati Franco.

No Santiago Apóstol con Andrea Maceiras

Previamente o conselleiro visitara o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, onde presentou á escritora Andrea Maceiras que, con motivo da súa participación na Feira Internacional do Libro de Bos Aires dentro da delegación galega, aproveitou para ofrecer unha charla aos alumnos deste centro educativo, baixo o título “Ollos que son alas”.

Na súa intervención, Román Rodríguez fixo un percorrido pola traxectoria literaria desta autora precoz e filóloga coruñesa que antes de cumprir os 20 anos xa tiña obtido diversos galardóns en concursos de narrativa e poesía. No seu haber literario figuran premios como o Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2015, o da Fundación Nova Caixa Galicia, ou o VI Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia.

Tras destacar a “notable traxectoria” desta escritora, o conselleiro aproveitou para motivar aos alumnos a que lean e a que gocen dos libros porque “nos libros -dixo- está un dos fundamentos de calquera sociedade avanzada e só letra a letra –engadiu- se pode construír unha civilización de progreso verdadeiramente sostible e duradeira”.

Román Rodríguez aproveitou para facer un percorrido polas instalacións do colexio Santiago Apóstol, que abriu as súas portas no ano 1998 froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires, co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural neste país.

O centro conta, desde 2003, cun departamento de Lingua e Literatura galega que contribúe a reafirmar os valores da identidade e da cultura do noso país entre o estudantado, e tamén destaca pola intensa actividade cultural que programa cada curso escolar.