Educación leva investidos 17 millóns de euros na mellora dos centros escolares en Vigo

Foi a Consellería, e non o Concello, quen acometeu a ampliación do comedor no CEIP García Barbón, unha obra que supuxo un investimento de máis de 70.000 euros

O IES Carlos Casares está sen conexión á rede de saneamento pola inoperancia do alcalde, Abel Caballero

Ven, 05/05/2017 - 19:27

A Consellería de Educación leva investidos uns 17 millóns de euros na mellora dos centros escolares de Primaria e de ESO en Vigo desde o ano 2009. Por tanto é totalmente falso que a Xunta de Galicia teña desatendido o ámbito educativo na cidade olívica, máxime cando están pendentes asuntos por resolver que o propio Concello de Vigo está obstaculizando. Un deles é o caso da conexión do IES Carlos Casares á rede de saneamento, atendendo a un acordo plenario que o alcalde Abel Caballero está incumprindo xa que, a día de hoxe, segue sen facerse efectiva esta conexión.

O alcalde tamén falta á verdade cando se atribúe a ampliación do comedor do CEIP García Barbón, unha obra realizada pola Consellería de Educación que no seu momento supuxo un investimento de máis de 70.000 euros, aos que hai que engadir outros 81.000 euros na reforma dos aseos e 12.000 euros este mesmo ano na reforma da cuberta. Por tanto, estamos a falar dun investimento para a mellora das instalacións do CEIP García Barbón de 163.000 euros nos últimos anos para dotalo das instalacións axeitadas.

Ás melloras no CEIP García Barbón hai que engadir outras importantes coma os 2,6 millóns de euros investidos no CEIP Virxe do Rocío (mellora de comedor e reforma do edificio), reforma de comedor e acondicionamento do CEIP Pombal (preto de 460.000 euros), novo ximnasio e reforma de comedor no CEIP Pintor Laxeiro (487.000 euros), ampliación do comedor do CEIP Illas Cíes (147.000 euros), ao igual que no CEIP Balaídos (230.000 euros) e no CEIP Sárdoma-Moledo (170.000 euros).

No que respecta aos accesos aos institutos Rosais II e República Oriental do Uruguai, as vías da súa contorna non son titularidade da Xunta de Galicia, cuestión da que debería ser coñecedor o alcalde, como máximo responsable que é do Concello, antes de lanzar falsas acusacións.

Unha mostra do compromiso da Xunta con Vigo é que a Consellería vén de licitar, onte mesmo, a segunda fase do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, unha obra que absorbe un orzamento de 3 millóns de euros e que suporá a creación de 450 novas prazas escolares na zona de Navia, unha das de maior crecemento da cidade. Tamén lembramos que a Consellería está a investir máis de un millón de euros na mellora do IES de Teis para acoller novos ciclos formativos.