“O intercambio de experiencias é necesario para enriquecer a dinamización do galego nos centros de ensino”, di Anxo Lorenzo

O responsable de Política Lingüística inaugura en Ourense o VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, “un referente para a divulgación de recursos destinados aos equipos de dinamización da lingua galega”

Lun, 28/03/2011 - 18:30
Cartel do VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino
Cartel do VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo,  inaugurou esta tarde en Ourense o VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, “un referente anual para a formación e a divulgación de recursos e ferramentas destinados aos equipos de dinamización da lingua galega”, asegurou.

Segundo explicou o secretario xeral durante a súa intervención, “o seminario responde á necesidade e aos beneficios que supón a formación continuada dos membros dos equipos”. “Así mesmo –engadiu–, incide na posta en común de prácticas e proxectos dinamizadores”. Neste sentido, salientou que “a relación e o intercambio frecuente de experiencias e o contacto con outros equipos é necesario para enriquecer a dinamización do galego desde os centros de ensino” e incidiu na necesidade dunha “maior conexión entre os axentes dinamizadores e do aproveitamento de recursos”.

Ademais de en Ourense, o VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino comezou hoxe en Santiago de Compostela, en Ferrol e en Pontevedra, cidades nas que terá lugar ata o 1 de abril. A próxima semana, desde o día 4 ao 8 do mes que vén, levarase a cabo na Coruña, en Lugo e mais en Vigo. O programa de cada cidade pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do enderezo http://www.xunta.es/linguagalegavi_seminario_de_dinamizacion_linguistica.

Nesta sexta edición, a competencia oral é o eixo central do seminario, que conta cunha parte formativa destinada a fornecer os docentes de estratexias e recursos que os axuden a traballar as habilidades orais. Neste apartado de formación inclúese o obradoiro de expresión oral O xogo dramático como recurso para a promoción da variedade oral culta do galego, impartido por Santi Prego, Nuria Montero e Cristina Domínguez, profesores da Escola Superior de Arte Dramática. Falar en clase de lingua: como e cando?, un obradoiro sobre competencia comunicativa oral a cargo do doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa Serafín Alonso, complementa esta parte formativa.

Divulgación de prácticas pioneiras

Por outra banda, o seminario conta cun espazo no que se mostran prácticas pioneiras que impulsan e fomentan a oralidade en ámbitos diferentes. Entre estas experiencias, atópanse proxectos como os do IES Rodeira de Cangas Que sorte falarmos galego! (Premio de Innovación en Dinamización Lingüística 2010-2011), As palabras que soñan co vento: a oralidade na escola do CEIP de Bemantes, en Miño, ou o Intercambio lingüístico-cultural Mugardos-Bos Aires, do IES de Mugardos e o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires.

A través o VI Seminario de Dinamización Lingüística, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende ofrecerlle ao profesorado asistente ás xornadas modelos para a súa práctica docente diaria e aplicacións para lograr o emprego da lingua galega en todos os ámbitos.

Menús News node R

Colectivo

Tema