A Consellería de Educación inviste máis de 600.000 euros na ampliación do CEIP Otero Pedraio do Barco de Valdeorras

O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o estado das obras

Lun, 28/03/2011 - 13:29
O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o estado das obras
O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o estado das obras

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Otero Pedraio do Barco de Valdeorras (Ourense) para comprobar o estado das obras de ampliación que se están a realizar neste centro por un importe superior aos 600.000 euros. O conselleiro aproveitou ademais para coñecer o funcionamento diario do colexio e achegarse á súa comunidade educativa, co fin de coñecer as súas inquedanzas e intereses.

Vázquez Abad explicou que o novo edificio que se está a construír “dá conta do compromiso da Xunta de Galicia cos membros da comunidade escolar deste centro”. Neste sentido destacou que se trata dun forte investimento, “especialmente nestes tempos de crise económica”, que dá resposta ás necesidades das 116 alumnas e alumnos do CEIP Otero Pedraio.

Ximnasio e novas dependencias

O novo edificio estará dividido en dous volumes, dos que un deles acollerá un ximnasio, e o outro diversas dependencias, tales como un comedor, vestiarios, aseos, aulas de informática e música, e aulas para desdobres. Ademais, tal e como explicou o conselleiro, neste segundo volume situarase a nova biblioteca do centro, “un espazo no que se poderán seguir realizando as actividades de fomento de lectura que se veñen desenvolvendo con éxito, e para as que a Consellería ten achegado 4.500 euros”.

Vázquez Abad aproveitou a súa visita ao CEIP Otero Pedraio para presenciar o desenvolvemento das clases do alumnado de 5º de Primaria, que conta con cadanseu ordenador ultraportátil na aula no marco do Proxecto Abalar, que supuxo un investimento de case 12.000 euros neste centro.

No seu percorrido polo centro Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; polo directora do colexio, Mª Remedios Arias; por membros da comunidade escolar.

Compromiso co Barco

O conselleiro de Educación recalcou o compromiso da Xunta de Galicia cos centros de ensino do Barco de Valdeorras, e cos seus 2.447 alumnos. Neste sentido lembrou que, a maiores desta obra no CEIP Otero Pedraio, a Consellería ten investido máis de 245.000 euros en obras de reforma, mellora e ampliación nos colexios e institutos do Concello.

Ademais un total de 205 alumnas e alumnos de 5º de Primaria e 1º da ESO benefícianse neste curso xa do Proxecto ABALAR, que supuxo un investimento en dotación de equipamento informático de máis de 124.000 euros para estes centros.

Xesús Vázquez Abad lembrou ademais que están a funcionar nos centros de ensino do Barco dous dos proxectos máis ambiciosos da Consellería. Así, a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras 191 estudantes contan este ano cun ensino plurilingüe nas 10 seccións bilingües que funcionan no Concello. Dúas delas – CEIP Gurriarán e IES Martaguisela- contan ademais auxiliares de conversa estadounidenses que apoian ao profesorado no ensino do inglés. Doutra banda, as diferentes iniciativas para estimular o hábito lector nos máis novos supuxeron unha achega de máis de 86.500 euros do departamento educativo da Xunta ás bibliotecas escolares do Concello.

Cómpre lembrar ademais que a Xunta de Galicia mantén un forte compromiso con Ourense, na que está a desenvolver o Plan Impulsa, grazas ao que esta provincia está a medrar a través de diversas estratexias para igualar o interior e o atlántico.