Os Axóuxeres despiden unha edición chea de música, xogos, cantigas e teatro en galego para os bebés e as súas familias

Unhas 3.500 persoas participaron no programa 2010-2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que remata mañá no concello da Cañiza

Sáb, 26/03/2011 - 10:40
Unha actuación dos Axóuxeres
Unha actuación dos Axóuxeres

Os Axóuxeres 2010-2011 despiden esta fin de semana unha programación que percorreu as sete cidades e outros doce concellos con música, cantigas, xogos e teatro en galego para os bebés e as súas familias. Coa súa visita mañá á localidade pontevedresa da Cañiza, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística completa o percorrido desta edición, na que participaron desde o pasado mes de setembro arredor de 3.500 persoas.

Os Axóuxeres 2010-2011 homenaxearon os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés, en dous formatos diferentes: o das Festas, que percorreron as sete cidades galegas durante o pasado mes de setembro, e o dos Encontros, que visitaron doce concellos máis pequenos entre xaneiro, febreiro e marzo deste ano.

Tanto as Festas como os Encontros, que se desenvolveron en colaboración coa produtora Galitoon, constitúen espectáculos participativos dunha hora de duración que conxugan a música, as cantigas, o teatro e o xogo en galego, nun contorno pensado para as necesidades dos máis pequeniños da casa.

Os Axóuxeres 2010-2011 pechan a súa programación na Cañiza

Nesta edición, a Secretaría Xeral de Política Lingüística introduciu unha segunda actividade para darlles continuidade ás Festas e aos Encontros: os Obradoiros. Este formato, que desenvolveu Reverso Servizos Lingüísticos, despedirá mañá o programa dos Axóuxeres na Casa da Cultura do concello da Cañiza, ás 18:00 horas.

Os Obradoiros, que iniciaron o seu percorrido polas catro provincias o pasado mes de febreiro, combinan un pequeno curso de técnicas de masaxe infantil coa aprendizaxe de xogos de iniciación, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas, e están centrados na transmisión do afecto.

Afianzar a transmisión do galego

A través deste programa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivo prioritario favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os máis pequenos, que conforman unha franxa de idade prioritaria na actividade de dinamización lingüística do departamento que dirixe Anxo Lorenzo.

Menús News node R