O conselleiro de Educación asiste á inauguración do observatorio de Ramón María Aller Ulloa tras a súa recuperación, en Lalín

O centro rehabilitado foi o primeiro desta índole en Galicia, e atópase no interior do Museo Municipal dedicado ao astrónomo galego

Sáb, 26/03/2011 - 19:45

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde á inauguración da recuperación do observatorio orixinal do astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa, en Lalín.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia desta acción, e dixo que “aquí en Lalín, neste museo que foi antes a súa casa e o seu primeiro observatorio, recuperamos un importante anaco da súa memoria. Lalinenses e visitantes poderemos gozar do privilexio de asomarnos ao fascinante mundo das estrelas da man do mellor dos mestres”.

Asemade recordou a obra do homenaxeado enumerando parte dos seus logros. “Foi membro da Academia de Ciencias Exactas e da Comisión de Astronomía. Inventor de aparatos de observación e medición adoptados despois polo Observatorio de París. Catedrático e director vitalicio do Observatorio de Santiago. Na súa honra, o reputado astrónomo inglés Hugh Percy Wilkins púxolle o seu nome a un cráter da Lúa. O estudo das estrelas dobres e triplas foi introducida en España por el“, dixo.

O espazo recuperado atópase no interior do Museo Municipal de Lalín, un edificio do século XIX con xardín que pertenceu ó astrónomo Ramón Mª Aller Ulloa, e onde se emprazou o primeiro Observatorio Astronómico de Galicia, inaugurado no 1912. O museo está adicado a tres dos fillos ilustres de Lalín: D. Ramón Mª Aller Ulloa, Joaquín Loriga e Laxeiro.

O museo

O primeiro andar deste espazo fai referencia a Aller Ulloa, e nel atópase o seu despacho, e parte dos mobles perfectamente conservados, xunto a varios obxectos científicos. Gárdanse tamén numerosos libros pertencentes a súa biblioteca persoal. Na planta superior do museo expóñense protexidas en vitrinas outras pezas que tamén pertenceron a D. Ramón Aller.

No acto de hoxe tamén estivo presente o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, que foi o responsable do relatorio ‘O observatorio de Lalín, berce da astronomía en Galicia, cen anos despois’.

O acto completouse coa intervención do profesor de Xeografía da Universidade de Santiago, Román Rodríguez, que interveu coa conferencia ‘O observatorio: memoria cambiante de Lalín’. Ademais o gaiteiro Plácido Rozas interpretou o himno galego.