Política Lingüística convoca as axudas á promoción do uso do galego no ámbito local

Destinada a concellos e agrupamentos de concellos de 3000 habitantes ou máis, a nova convocatoria contribúe á creación e ao mantemento dos servizos lingüísticos municipais, así como á programación de actividades de dinamización lingüística promovidas desde os concellos

As axudas poderanse solicitar desde mañá ata o 2 de xuño

Mar, 02/05/2017 - 20:52

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria. A nova liña de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a prestación de servizos lingüísticos desde o ámbito local en concellos ou en agrupamentos de concellos de 3.000 ou máis habitantes. Faino impulsando a creación e o mantemento de unidades técnicas especializadas en lingua galega e tamén a programación de actividades específicas coas que dinamizar a lingua propia de Galicia desde o tecido municipal.

As axudas poden solicitarse desde mañá ata o vindeiro 2 de xuño e a convocatoria íntegra pode consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Criterios de valoración e modalidades da convocatoria

Na liña das convocatorias anteriores, as entidades concorrentes poden optar a estas axustándose a unha das tres modalidades contempladas: creación dun servizo lingüístico, o que implica a contratación de persoal técnico especialista que desenvolva accións de planificación e de dinamización do galego; mantemento ou reforzamento dun servizo xa creado, e desenvolvemento de dinamización lingüística nunha entidade local carente de servizo.

O tecido económico empresarial, novo ámbito de actuación prioritario

En consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020 aprobado polo Goberno galego na pasada lexislatura, a orde de convocatoria prevista para este ano reflicte como ámbito prioritario de actuación aumentar a presenza do galego no tecido económico empresarial para que, deste xeito, sirva de efecto multiplicador do fomento do galego na sociedade.

Os concellos que soliciten acceder a estas vías de financiamento recibirán unha contía variable en función da puntuación obtida na valoración da solicitude, que se avaliará atendendo a criterios territoriais, poboacionais e sociolingüísticos, así como á incidencia das accións nos ámbitos de actuación que o texto establece como prioritarios (deporte, mocidade, TIC, tecido económico empresarial e servizos sociais.)

Tamén como novidade, esta convocatoria permite unicamente a tramitación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo coas novidades normativas que entraron en vigor coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

De acordo co establecido no Consello da Xunta do 28 de febreiro de 2013, polo que se fixaron os criterios que primarían na repartición de subvencións aos concellos, as entidades locais concorrentes obterán un incremento do 30 % na puntuación que se lles outorgará para accederen á subvención no caso de presentárense agrupadas con outras.

Impulso á promoción do uso do galego desde o ámbito local

Esta convocatoria de subvencións enmárcase nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entre as que destacan a RDL e os programas e as iniciativas asociados a ela. A RDL naceu, da man e co liderado da Xunta de Galicia, para coordinar os esforzos a prol da lingua propia que se fan desde as distintas administracións e na actualidade conta con máis de 180 entidades locais adscritas que realizan diversas accións de dinamización conxuntas ao longo do ano.

Menús News node R