A Consellería de Educación acreditará as competencias profesionais dos traballadores galegos

Convócanse 3.200 prazas para que estas persoas podan obter a acreditación oficial da súa experiencia laboral

Sáb, 26/03/2011 - 11:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar 3.200 prazas para o recoñecemento da competencia profesional a través da experiencia laboral ou de formación non formal, nun total de 44 unidades de competencia. Nesta convocatoria poderán participar aqueles traballadores e traballadoras con experiencia laboral en distintos sectores produtivos: soldadores, instaladores eléctricos, camareiros, reposteiros, pasteleiros, cociñeiros, chapistas, pintores de vehículos, auxiliares de farmacia ou parafarmacia, axudantes de emerxencias ou de transporte sanitario ou educadores infantís.  

Educación dá así resposta á demanda de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade  na súa profesión e precisan contar coa acreditación  das súas competencias  profesionais. Así mesmo, os galegos e galegas, que así o desexen poderán completar posteriormente a súa formación a través dos módulos profesionais directamente relacionados coa especialidade na que obteñan a correspondente acreditación.
A Consellería de Educación conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación)no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas  pola experiencia laboral. A última convocatoria, para 1.600 prazas de diferentes familias profesionais, foi un gran éxito, xa que se recibiron un total de 3.283 solicitudes.
Esta actuación terá continuidade  en outras convocatorias que permitirán atender a todos aqueles profesionais que requiran unha acreditación oficial da súa experiencia laboral.

Requisitos e prazo

As persoas interesadas en presentarse a este proceso deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.

No caso da experiencia laboral, será preciso xustificar polo menos tres anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Respecto da formación, os aspirantes terán que xustificar polo menos 300 horas nos últimos dez anos transcorridos.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao de publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG do 25 de marzo de 2011). Para o desenvolvemento deste proceso utilizaranse como sedes os Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería que imparten as ensinanzas que se corresponden coas unidades de competencia a acreditar.

Fases

O proceso de acreditación está composto por tres fases. Na primeira o aspirante será asesorado de forma individual e valorarase se hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia que pretenden acreditar, indicándoselle a conveniencia de pasar ou non á fase seguinte de avaliación.

Na fase de avaliación comprobarase se o candidato demostra a competencia profesional requirida. Unha vez avaliados a Consellería de Educación e Ordenación universitaria expedirá a acreditación para cada unha das unidades de competencia superadas. Estas acreditacións  teñen carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado, así como os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante  a exencións, correspondencias e validacións.

Información e asesoramento

Tanto na fase de asesoramento como na de avaliación os aspirantes serán informados do posible itinerario formativo sobre a formación complementaria que poderán realizar, e os centros onde se oferta.

Para facilitar o proceso a Consellería porá a disposición de todas as persoas que o soliciten un servizo aberto e permanente que facilite información e orientación, nos centros integrados de formación profesional e nos centros de formación profesional de titularidade pública dependentes da Administración educativa. Na realización do proceso participarán arredor de 150 profesionais habilitados, que realizarán as funcións de asesoramento e avaliación das persoas candidatas