O conselleiro de Educación inaugura as Xornadas ‘Ciencia e Tecnoloxía’ do Politécnico de Santiago

Xesús Vázquez Abad lembrou que Galicia está por riba da media española na taxa de graduados en Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía

Ven, 25/03/2011 - 18:15
O conselleiro de Educación na inauguración das xornadas de Ciencia e Tecnoloxía
O conselleiro de Educación na inauguración das xornadas de Ciencia e Tecnoloxía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria inaugurou hoxe as xornadas ‘Ciencia e Tecnoloxía’, que se celebran ata mañá no CIFP Politécnico de Santiago, coincidindo coa conmemoración do Ano da Química. No acto, o conselleiro destacou a importancia deste tipo de eventos para “presentar unha nova cara da ciencia, máis amable, máis real e máis necesaria cada vez para o progreso da sociedade, dentro do marco do desenvolvemento sostible”.

Ademais Vázquez Abad lembrou que Galicia, cun 11,2 por mil graduados, está por riba da media española da taxa de graduados en Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía por cada 10.000 habitantes entre 20 e 29 anos. Aínda así, o conselleiro insistiu en que é necesario fomentar as vocacións de científicos, co fin de acadar o 15% marcado na estratexia de Lisboa da Unión Europea.

Bos resultados

Neste sentido o conselleiro felicitou aos docentes destas materias polo seu traballo, que se está a constatar nos resultados dos informes educativos. Así, nos resultados da Avaliación Xeral de Diagnóstico de 2009 o alumnado galego de 4º de Educación Primaria obtivo unha media de 518 puntos fronte aos 500 da media española na competencia de coñecemento e interacción co mundo físico, que inclúe os inicios á ciencia.

Da mesma forma, o alumnado galego mellorou os seus resultados no último informe Pisa en referencia as competencias científica e matemáticas. De feito, na científica Galicia obtén unha puntuación de 506 puntos, o que a sitúa no grupo en cabeza cuns resultados 18 puntos por riba da media de España, e 5 puntos superior na media da OCDE. En competencia matemática Galicia obtivo 489 puntos, 6 por encima da media do Estado.

Vázquez Abad animou, á vista destes resultados, aos presentes a seguir traballando para mellorar e a participar neste tipo de xornadas e iniciativas de difusión científica.

Relatorios e obradoiros

Durante os dous días nos que se van desenvolver as xornadas, están programados diversos relatorios e obradoiros. Así, profesionais de recoñecido prestixio como o profesor da Universidade Politécnica de Valencia, José María Seguí Simarro; a da Universidade de Vigo, María Mercedes Álvarez Lires; e o da Universidade da Coruña, Xurxo Mariño, impartirán as conferencias “Panorama actual da biotecnoloxía vexetal”, “Marie Sklodowska Curie. Primeira muller dunha xenealoxía de científicas nucleares”, e “Protón. A engaiolante vida dunha partícula inmortal… ou case”, respectivamente.

Ademais desenvolveranse obradoiros en torno a temas como o biodiésel, a nanotecnoloxía, a química na vida cotiá, ou as investigacións científicas na ensinanza secundaria, entre outros.