Román Rodríguez anima a achegarse á Feira do Libro de Santiago, que comeza hoxe na Alameda

O conselleiro de Cultura e Educación asegura que estes eventos forman parte da estratexia integral de apoio á actividade cultural en Galicia

Sáb, 29/04/2017 - 13:30
Román Rodríguez anima a achegarse á Feira do Libro de Santiago, que comeza hoxe na Alameda

A trixésimo sexta edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela abriu hoxe as súas portas ao público no recinto da Alameda, onde permanecerá ata o vindeiro domingo día 7 de maio.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto oficial de apertura deste encontro coa lectura, onde estivo acompañado da presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; da concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois; e de Encarna Otero, que foi a encargada de ler o pregón.

Na súa intervención, Román Rodríguez, emprazou a todos os composteláns a achegarse durante estes días a un lugar tan sinalado desde a perspectiva literaria como é a Alameda, para gozar das últimas novidades editoriais, do descubrimento de novos talentos e do reencontro con autores xa consolidadas.

O conselleiro subliñou que as feiras do Libro –este ano son 16 citas noutros tantos Concellos– forman parte da estratexia integral de apoio á actividade cultural en Galicia, na que tamén se inclúe a presenza nas Feiras Internacionais do Libro. De feito, este ano o sector editorial galego contará con stand propio nas feiras de Boloña, Buenos Aires, Frankfurt e Guadalaxara (México), ademais da cita Liber en Madrid.

Nesta liña, asegurou que cómpre seguir traballando para acadar un sector editorial máis forte e cun maior recoñecemento para os autores e autoras galegas, que ten que vir da man dunha sociedade “con máis e mellores lectores”.

Esta edición da Feira do Libro de Santiago aglutina un conxunto de eventos dirixidos a todos os públicos e con especial atención aos máis pequenos. Así, ao longo dunha semana concéntranse actividades culturais en torno á lectura e ao libro cun amplo abano de concertos musicais, obradoiros de teatro e de ilustración, presentación de libros, contacontos e exposicións temáticas