Xunta e Universidades presentan unha estratexia para mellorar a calidade formativa do profesorado

Presentouse o resultado do grupo de traballo entre as tres universidades e o departamento de ensino da Xunta para analizar as competencias profesionais docentes

O obxectivo é achegar os plans de estudo universitarios e a formación permanente, co fin de dar resposta aos retos do sistema educativo

Ademais, tratarase de homoxeneizar a base do currículo universitario, buscando especializacións para cada escola ou facultade

Ven, 28/04/2017 - 12:40
Xunta e Universidades presentan unha estratexia para mellorar a calidade formativa do profesorado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou hoxe a importancia de manter un diálogo permanente entre as universidades galegas e a rede de formación permanente do profesorado para achegar ao máximo a formación inicial e a continua cun fin común, o de dotar ao sistema educativo galego de ferramentas e recursos que permitan aos profesionais docentes acadar o máximo desenvolvemento. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia abordou este asunto na presentación do documento de conclusións do grupo de traballo constituído con representantes das facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas para analizar as competencias profesionais docentes en Galicia e reflexionar sobre as que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira,  un traballo pioneiro en todo o Estado. No acto tamén participaron os reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Salustiano Mato e Julio Abalde; así como decanos e representantes das escolas e facultades de Ciencias da Educación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Román Rodríguez explicou que para acadar este obxectivo a Consellería ten previstas dúas liñas de actuación. Por unha banda, e no marco deste grupo de traballo, manter o diálogo aberto coas universidades para revisar e actualizar a formación inicial e axustala ás necesidades reais do sistema educativo, realizar actividades formativas conxuntas entre a Universidade e a rede de formación do profesorado. Así mesmo, aprobarase un Protocolo homoxeneizado de Prácticas e traballar na difusión conxunta da investigación e boas prácticas en materia de formación do profesorado. Ademais, estase impulsando a posta en marcha no SUG dun Mestrado Interuniversitario en Investigación e Innovación Educativa en Educación Infantil e Primaria.

Especializacións específicas

Por outra banda, e en relación co mapa de titulacións que se está a consensuar coas tres universidades do SUG, buscarase en certa forma homoxeneizar o que é a base do plan de estudos e que cada escola ou facultade teña unhas mencións ou especializacións específicas que a fagan en certo modo singular.

Da combinación de ambas as dúas liñas axustarase a profesión docente aos desafíos que a sociedade lle presente desde a formación inicial, de tal forma que a formación permanente ao longo da carreira sexa máis frutífera e beneficiando ao conxunto da sociedade, “xa que o profesorado é a peza clave do sistema educativo que, á súa vez, é a estrutura que vertebra as civilizacións e as fai prosperar”.

O conselleiro agradeceu o labor deste grupo de traballo na identificación das demandas de formación dos docentes en activo e no seu contraste cos actuais plans de estudo universitarios. Así mesmo, destacou o traballo que o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) leva desenvolvendo desde 2015 para a definición e desenvolvemento dun Marco de Competencias Profesionais Docentes, do que se extraen as sete que se consideran fundamentais para un educador ao longo de toda a súa carreira.

Conclusións e recomendacións

O documento elaborado polo grupo de traballo conclúe que é preciso que a formación inicial e permanente do profesorado se aliñe arredor dun traballo equilibrado das diferentes competencias e subcompetencias profesionais docentes sen deixar de lado cuestións de relevancia como as habilidades relacionadas coas TIC. Ademais, é necesario que a formación inicial do profesorado poida ofrecer coñecementos relevantes para a práctica na xestión de organizacións educativas tanto a nivel de aula como de centro e mesmo de sistemas educativos.

Para iso, resulta clave que se manteña o diálogo entre as universidades e a Rede de Formación Permanente do Profesorado para enriquecer a concreción das competencias previstas na lexislación nos plans de estudos, identificar as necesidades formativas e articular accións que melloren as prácticas docentes, de xeito que a formación dos mestres manteña os estándares de calidade que o avance da demanda social impón e desde o máximo respecto á autonomía universitaria.

Así mesmo, desde o propio grupo de traballo ou comisión semellante, será necesario promover o establecemento dun marco formativo integrado para os docentes que resulte da coordinación entre a oferta de posgrao existente no SUG e a da Rede de Formación Permanente do Profesorado. As sinerxías entre estes axentes deberían posibilitar unha oferta axustada permanentemente ás necesidades do noso sistema educativo. Neste sentido, impulsarase a creación dun mestrado interuniversitario en Innovación e Investigación en Educación infantil e primaria.

Entre as recomendacións do documento están tamén a realización de actividades formativas conxuntas que poñan en contacto tanto ao profesorado como ao alumnado nunha verdadeira comunidade de aprendizaxe, ou a difusión conxunta da investigación e as boas prácticas en materia de formación.

Así mesmo, proponse a aprobación dun Protocolo de Prácticas común, un marco de traballo seguro, efectivo e eficaz para todo o alumnado con independencia do centro ou centros onde realice as súas prácticas ao longo da súa formación inicial e que facilite o labor do profesorado titor, tanto das universidades como dos propios centros educativos.

Grupo permanente

Tras a presentación deste documento, o grupo continuará o seu traballo para realizar os axustes permanente en base ás recomendacións e conclusións ás que schegou, co fin de avanzar cara aos obxectivos de forma progresiva.

Forman parte do grupo de traballo os decanos das facultades de Ciencias das Educación das tres universidades galegas e, por parte da Consellería, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila; a subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila; o subdirector xeral de Recursos Humanos, José Luis Canosa; a xefa do servizo de Formación do profesorado, Fátima García Doval, e o director do Centro Autonómico de Formación e Innovación, Ángel Rodríguez.