Política Lingüística levou a cabo en 2010 un amplo labor de dinamización, de formación e de visibilización da lingua galega

O responsable do departamento, Anxo Lorenzo, deu conta no Parlamento das principais iniciativas impulsadas o pasado ano pola secretaría xeral

Ven, 25/03/2011 - 14:41

A Secretaría Xeral de Política Lingüística levou a cabo en 2010 “un amplo labor de planificación e xestión de programas de dinamización, de formación e de visibilización da lingua galega”. Así o afirmou hoxe o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, que deu conta no Parlamento das principais iniciativas impulsadas o pasado ano pola secretaría xeral.

Anxo Lorenzo compareceu por petición propia para realizar un balance da actividade, que estivo centrada, segundo destacou, “na procura dunha dinamización efectiva do galego e na implicación dos axentes dos diferentes sectores da sociedade para acadarmos, entre todos, a necesaria ampliación de ámbitos de uso que nos permitan vivir plenamente en galego”.

A Rede de Dinamización Lingüística: unha nova etapa na promoción do uso do galego

Para iso, a secretaría xeral centrou unha parte importante do seu traballo na consecución de novas estratexias para avanzar na coordinación e planificación lingüísticas. Con este obxectivo, creou en 2010 a primeira Rede de Dinamización Lingüística, “á que están adheridos a día de hoxe máis de 50 concellos de toda Galicia”, recordou Anxo Lorenzo. “Con esta rede –continuou– a Xunta inaugura unha nova etapa no traballo de promoción do uso do galego desde o ámbito local”.

Por outra banda, Anxo Lorenzo fixo fincapé no esforzo realizado para favorecer a transmisión lingüística do galego e o fomento do uso do idioma entre as franxas de idade máis novas, a través, principalmente, dos programas Os Axóuxeres e Bocaberta. Tamén recordou o novo marco normativo que supuxo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, co que a Xunta estableceu “un sistema lingüístico baseado na distribución equilibrada, tanto cualitativa como cuantitativamente, do das horas de docencia en galego e castelán, na consecución dunha competencia semellante nos dous idiomas e na aposta por un coñecemento efectivo en linguas estranxeiras”.

301 cursos de formación dos que se beneficiaron 5.371 persoas

Outra das misións importantes da secretaría xeral é a formación en galego da poboación adulta. Con este fin, Política Lingüística promoveu en 2010 “un total de 301 cursos, nos que se incluíron os de preparación para as probas Celga e tamén os de formación específica para os profesionais ao servizo das distintas administracións”, informou Anxo Lorenzo. Destes 301 cursos beneficiáronse un total de 5.371 persoas.

A promoción social do idioma (levada a cabo nos campos da xustiza, do deporte e da cultura, entre outros), a ampliación de usos no ámbito socioeconómico, a consecución de novos espazos para o galego nas canles de difusión máis próximas á cidadanía (internet, medios de comunicación etc), a difusión exterior e o recoñecemento internacional do idioma, e a investigación lingüística para potenciar o galego completaron as liñas de actuación presentadas polo secretario xeral para facer balance da actividade impulsada en 2010.

Liñas prioritarias de actuación en 2011

Para rematar, Anxo Lorenzo trasladoulles aos grupos parlamentarios da cámara os eixos  prioritarios de actuación da secretaría xeral para este ano, que se basean nun obxectivo central e en tres liñas de traballo, recollidos na resolución aprobada polo Parlamento no debate do estado da autonomía a semana pasada. “O obxectivo central da actual política lingüística –dixo– é afondar na protección e no fomento da lingua galega a través de novas liñas de actuación orientadas a diferentes sectores da sociedade galega e a aqueles ámbitos sociais, institucionais e económicos que se consideren como estratéxicos”.

Para acadar este obxectivo proponse, en primeiro lugar, avanzar no fomento do galego (no seu coñecemento, uso e dispoñibilidade de materiais e recursos) nas diferentes administracións públicas, principalmente na autonómica. En segundo lugar, desenvolver liñas de actuación que contribúan a aumentar significativamente o prestixio social da lingua, vinculadas coa forma da lingua, o seu status e funcións, e a súa aprendizaxe. En terceiro lugar, afondar na coordinación e impulso da dinamización lingüística en colaboración coas entidades locais.

Finalmente, Anxo Lorenzo expresou o seu desexo de “poder contar co apoio de todos os grupos parlamentarios” e tamén da cidadanía para a consecución destes obxectivos.