A Consellería de Educación participa na clausura das ‘VII Xornadas Ensino Empresa’ celebradas no IES Ferrolterra

O subdirector xeral de Educación destacou a importancia deste tipo de eventos para achegar ao alumnado á realidade do mundo laboral

Ven, 25/03/2011 - 14:07
A Consellería de Educación participa na clausura das ‘VII Xornadas Ensino Empres
A Consellería de Educación participa na clausura das ‘VII Xornadas Ensino Empresa’ celebradas no IES Ferrolterra

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na clausura das VII xornadas ‘Ensino Empresa’, que se celebraron no IES Ferrolterra. O subdirector xeral de Formación Profesional, Manuel Corredoira, representou á Conselle´ria nun acto no que tamén estiveron presentes o director do centro, Enrique Pazo, o representante da Asociación de Empresarios de Ferrolterra, Miguel Torreiro, e membros da corporación municipal do Concello de Ferrol. ademais interveu na clausura Rubén Díaz Romero, ex alumno do centro do ciclo superior de Construcións Metálicas, premio extraordinario de FP Autonómico e un dos tres gañadores do premio nacional 2008/2009.

O subdirector xeral de FP destacou a importancia deste tipo de eventos “para que as empresas presenten aos alumnos a realidade do mundo laboral, trasladando os coñecementos aprendidos no centro educativo á súa aplicación no mundo da empresa, introducíndoos en novos campos”. “Ao mesmo tempo -engadiu- os empresarios que acoden a estas xornadas ven in situ a maneira de traballar neste centro educativo, o coñecemento que estes alumnos teñen das últimas tecnoloxías, que se están a desenvolver nas empresas, así como o material co que contamos para a realización das prácticas”.

Manuel Corredoira gabou a calidade dos estudantes do Ferrolterra, que “que desde a creación dos premios COMFORP da rama de automoción a nivel nacional teñen rematado campións, medalla de ouro en catro ocasións e medalla de prata en outras dúas.

Así mesmo o representante da Consellería de Educación felicitou ao profesorado do centro polo seu traballo. “Sei que profesores deste centro están nestes momentos desenvolvendo cursos en empresas, para logo comezar a traballar con eles, e iso por suposto vai redundar nos seus alumnos. Alumnos que cando saian deste Centro ao mundo laboral vanse atopar con empresas que utilizan programas xa aprendidos no IES Ferrolterra, co que a súa incorporación vai ser máis produtiva ao coñecer de antemán as ferramentas coas que vai traballar”, dixo.

Relatorios de especialistas

Deste xeito o subdirector xeral de FP destacou os logros do IES Ferrolterra “pola súa verdadeira calidade, mérito e interese dos alumnos e profesores", e animounos "a seguir traballando coa mesma dedicación, ilusión e entrega, sempre a prol da mellora do noso sistema educativo”.

As VII Xornadas Ensino Empresa desenvolvéronse do 21 ao 25 de marzo no IES de Ferrolterra, e nelas participaron especialistas nos eidos da electricidade, a electrónica, o metal, a madeira e a automoción.

Así ao longo da semana docentes e alumnos puideron asistir a relatorios sobre diversas cuestións relacionadas cos ciclos de FP que se estudan no centro, tales como as normas de seguridade en máquinas. Ademais presentáronselles ás alumnas e alumnos vías para ampliar os seus estudos, e foron varias as empresas que se achegaron ao IES para presentar os seus proxectos aos futuros titulados.