O conselleiro de Educación visita as obras de mellora e ampliación das instalacións do CPI de Maside, en Ourense

A Consellería inviste máis de 475.000 euros na construción do novo espazo do centro e na mellora das instalacións eléctricas

Ven, 25/03/2011 - 14:01
Xesús Vázquez na visita ao CPI de Maside
Xesús Vázquez na visita ao CPI de Maside

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CPI de Maside, en Ourense, no que se están a realizar obras de mellora por valor de máis de 475.000 euros.

Durante o percorrido polo centro o conselleiro comprobou a evolución da construción dun bloque rectangular na zona traseira do edificio central que xa existe. Ambos espazos estarán unidos por unha pasarela pechada acristalada, co fin de que os usuarios transiten por ela sen verse interrompidos polas circunstancias climatolóxicas.

A obra deixará como resultado unha nova edificación de dúas alturas. O espazo da planta baixa, que quedará como un porche cuberto, adicarase á zona de xogos. Pola súa banda o andar superior dividirase en sete aulas para os estudantes de Infantil e de 1º, 2º e 3º de Primaria, ademais de outra aula adicional. Finalmente no edificio central, xa existente, habilitarase unha nova aula para as alumnas e alumnos de 4º de Primaria.

Esta reforma e ampliación, que será empregada polos estudantes o vindeiro curso, dá resposta ás demandas desta comunidade educativa que ata agora está en dous edificios, sendo un deles o que vai ser substituído debido a súa antigüidade.

Reparación no sistema eléctrico

Educación xa tiña demostrado o seu compromiso con este CPI de Maside, xa que en novembro do ano pasado a Consellería rematou as obras de mellora da instalación eléctrica para que o centro poida solicitar, se así o desexa, a súa participación e integración na rede Abalar.

Acompañado polo director do centro, Luis Veloso Martínez, o conselleiro percorreu todas as obras e as actuais instalacións nas que están a formarse 28 estudantes de Infantil; 107 de primaria e 90 da ESO. Alumnas e alumnos que este curso contan cun auxiliar de conversa procedente de Estados Unidos e que teñen unha sección bilingüe en inglés, da que se benefician 85 estudantes. Ademais o colexio ten un profesor de apoio dentro do Plan PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apio), e a súa biblioteca escolar recibiu preto de 8.000 euros para a mellora deste espazo.

Resposta ás necesidades

Vázquez Abad destacou a importancia do investimento realizado pola Consellería no colexio de Maside, “especialmente nestes tempos de crise económica”. “Isto demostra- engadiu- o compromiso da Xunta de Galicia con Maside e coa súa comunidade escolar, dando resposta as súas necesidades en materia de mellora de infraestruturas educativas”.

Acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira, o conselleiro continúa a visitar os centros educativos galegos co obxectivo de coñecer de primeira man a situación dos mesmos así como as súas necesidades.