Abre as súas portas a IV Feira da Educación de Ribeira co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Valentín García Gómez participou esta mañá na inauguración do evento a canda o alcalde da vila e o resto da corporación municipal

Poderá visitarse no auditorio municipal ata o vindeiro domingo 30 de abril

Mér, 26/04/2017 - 18:36
Abre as súas portas a IV Feira da Educación de Ribeira co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Este mediodía abriu as súas portas no concello coruñés de Ribeira a IV edición da Feira da Educación de Ribeira, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. No acto inaugural participou o seu titular, Valentín García Gómez.

O secretario xeral sinalou o papel que o ensino ten na normalización lingüística, “por ser o encargado de asegurar o coñecemento dos usos escritos e orais cultos do noso idioma, por contribuír a resaltar a dignidade e a validez do galego para ser empregado en diferentes ámbitos de coñecemento e por contribuír a transmitir, a canda outros valores democráticos, a importancia da diversidade lingüística e cultural”.

Amais de Valentín García, interviu na inauguración o rexedor municipal, Manuel Ruiz Rivas. Ambos estiveron acompañados polo resto da corporación e mais polos equipos directivos dos centros educativos do concello e por representantes das academias privadas e das ANPAS.

Amplo programa de actividades

A IV Feira da Educación de Ribeira, organizada polo Concello coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, terá as súas portas abertas no Auditorio Municipal da localidade desde hoxe ata o próximo domingo 30 de abril, en horario de mañá e de tarde. De mércores a venres, as sesións de mañá estarán reservadas á visita do alumnado dos centros docentes, mentres que o resto da programación estará aberta ao público en xeral en horario de 17:00 a 21:00 horas.

Co obxectivo de visibilizar o traballo de centros de ensino, academias privadas de formación, escolas municipais e diversos colectivos educativos, 35 entidades diferentes participarán neste evento ofrecendo, xunto á parte expositiva, un amplísimo programa de actos: concertos, proxección de curtas, obradoiro de robótica ou de ilustración con materiais naturais, conferencias, un monólogo de Quico Cadaval ou a actividade de dinamización lingüística “Cantarolas pra xente miúda” promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Menús News node R