A mostra conmemorativa das letras arranca en Ourense para revisitar ‘Os mundos de Carlos Casares’

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurou esta exposición itinerante que pode verse no centro municipal José Ángel Valente, da cidade das Burgas

Ata o mes de decembro percorrerá as catro provincias galegas

Mar, 25/04/2017 - 21:00
A mostra conmemorativa das letras arranca en Ourense para revisitar ‘Os mundos de Carlos Casares’

“Os mundos de Carlos Casares”, a exposición central que conmemora o Día das Letras Galegas 2017 na honra deste autor bota a andar a partires de hoxe no centro municipal José Ángel Valente, en Ourense.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na inauguración desta mostra de carácter itinerante que proximamente se poderá visitar na Coruña e pechará o seu periplo no Museo Galego do Entroido de Xinzo de Limia. No acto tamén participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde da cidade, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández; e o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares.

Na súa intervención, Román Rodríguez evocou a figura de Casares como “un dos máis eminentes actores culturais da historia contemporánea de Galicia” e do que, no eido literario, destacou “a súa capacidade para crear un mundo imaxinario, verosímil e complexo”.

Os mundos de Carlos Casares’

‘Os mundos de Carlos Casares’ é un proxecto impulsado pola Fundación Carlos Casares, pola Xunta de Galicia, polos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña.

Máis alá da intención retrospectiva de recrear a figura, a vida e a obra de Carlos Casares, a exposición presenta diferentes marcos contra os que poder desenvolver as relacións de Carlos Casares co mundo, nunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, a Viaxe, Conviña... e O redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.

Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permiten debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira a ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares que aspira a conectar coas xeracións máis novas.

Itinerancia nas catro provincias

A Cidade das Burgas acolle, do 19 de abril ao 21 de maio, a primeira parada deste proxecto expositivo itinerante que, no marco da Programación Letras Galegas 2017 posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración con outras entidades, lle achegará cidadanía a figura, a vida e a obra do autor ao longo deste ano.

Os mundos de Carlos Casares, deseñada pola fundación que leva o nome do escritor e que é depositaria do seu legado, percorrerá ata o mes de decembro as catro provincias galegas. Máis información no web www.fundacioncarloscasares.org.

Casares, anfitrión das Letras Galegas 2017

Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Para o narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, o que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.

Menús News node R