A inserción laboral dos titulados universitarios sitúase no 70,59%, o mellor dato desde 2006
O último estudo realizado sobre o curso 2012/13 no Sistema Universitario de Galicia mostra unha mellora na inserción de tres puntos porcentuais con respecto á estatística anterior
O salario neto tamén aumenta preto dun 5% con respecto aos datos do curso 2011/12 e o 76,66% dos titulados que traballan están desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu emprego
Os egresados mostran un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios, posto que, se tivesen que comezar de novo, máis dun 90% volvería optar pola Universidade
Ven, 21/04/2017 - 14:04

O último estudo da inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia (SUG) mostra que o 70,59% dos titulados durante o curso 2012/13 traballaba no momento da realización da enquisa, o que supón o mellor dato desde o curso 2005/06 e incrementa en tres puntos porcentuais os resultados do estudo anterior, que alcanza o 67,53%. A maiores, cómpre destacar que o 58,03% dos titulados que non traballaban no momento de realizar a enquisa, si que traballaran antes desde que remataron a titulación.

Así se desprende do avance de resultados do ‘Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2012/13’, un traballo realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e presentado hoxe polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; pola presidenta da ACSUG, Patrocinio Morrondo; e polo director da axencia, Eduardo López Pereira.

Características do emprego actual

Cómpre destacar que este último dato da inserción laboral, do 70,59%, confirma a tendencia alcista dos últimos anos e sitúa a realidade laboral dos egresados aos niveis pre crise. Ademais, a maioría deles está a traballar en Galicia e fano por conta allea. En canto ao salario neto, este tamén aumenta preto dun 5% con respecto ao estudo anterior e acada o seu mellor dato desde o curso 2009/10. Desde xeito, o soldo medio é de 1.086,60 euros, fronte aos 1.037,08 da estatística anterior.

Así mesmo, tamén se observa unha correlación entre o posto de traballo e a titulación cursada. Neste sentido, o 76,66% dos titulados que traballan están desenvolvendo funcións de nivel universitario no seu traballo e, de entre eles, preto do 83% desenvolve funcións específicas da súa titulación.

E independentemente de traballaren ou non, o 23,15% dos titulados no curso 2012/13 continuaba estudando no momento da realización da enquisa. Dentro deste grupo, o 52,47% estudaba un mestrado, e o 23,38% facía un doutoramento.

Acceso ao mercado laboral 

Neste contexto, tamén hai que ter en conta que o 80,22% dos titulados buscou emprego relacionado coa súa titulación desde que rematou os estudos, e o 62,5% atopouno, fronte ao 56,38% do análise anterior. O informe reflicte que un titulado tarda unha media de 9,54 meses en atopar o primeiro emprego relacionado coa titulación e, entre as vías de busca de traballo, destaca en primeiro lugar internet, seguido dos contactos persoais, familiares ou amizades e de presentar de forma espontánea a súa candidatura. Máis da metade dos titulados atoparon o seu primeiro emprego a través dalgunha destas tres vías.

Satisfeitos coa formación recibida

Os egresados mostran un alto grao de satisfacción cos estudos universitario. De feito, se tivesen que comezar de novo, máis dun 90% volvería optar pola Universidade e o 62,15% volvería cursar a mesma titulación na mesma institución académica.

De feito, para o 76,89%, a titulación obtida fora a súa primeira opción, o que supón un incremento de máis de tres puntos con respecto ao último informe. A maiores, tamén é salientable destacar que o 58,08% gozou dalgunha bolsa durante os seus estudos e preto do 20% participou nalgún programa de mobilidade durante a súa estadía na universidade, maioritariamente o Erasmus.

En canto ao coñecemento de linguas, o 93,12% dos egresados coñece e é quen de usar algún idioma a maiores das linguas oficiais do SUG (galego e castelán), case dous puntos máis que os titulados no curso 2011/12.

Ficha técnica

As enquisas deste último estudo de inserción laboral no SUG realizáronse a unha mostra de 4.473 titulados sobre unha poboación obxecto total de 8.395, o que converte a este informe no máis exhaustivo de toda España nesta materia. No deseño fixouse un erro máximo admisible do 10%, cun nivel de confianza do 95%, á hora de seleccionar a mostra de cada titulación e campus.

As enquisas realizáronse mediante entrevista telefónica asistida por ordenador desde o 3 de decembro de 2015 ao 5 de xaneiro de 2016, isto é, dous anos despois da obtención do título.